Cruzamento de acusacións entre a parella xulgada por agredir e roubar un hostaleiro de Vilagarcía
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
José Luis V.M. e Lucía G.S., os dous veciños de Vilanova de Arousa acusados de agredir e roubar ao propietario do bar Nogueira de Vilagarcía, sentáronse este martes no banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra para render contas polos delitos de roubo con violencia e lesións achegando versións contraditorias do sucedido aquel mes de marzo do ano 2012. O varón recoñeceu que pegara a vítima, pero explicou que o fixo "por miedo" e negou terlle roubado a recadación. A muller negou mesmo a súa participación na agresión e atribuíu ambos os dous delitos ao outro procesado en solitario.
O fiscal pide que sexan condenados a nove anos de prisión cada un e acúsaos de cruzar na estrada o seu vehículo para impedir o paso ao coche conducido pola vítima na rúa Arealonga de Vilagarcía, provocando que o condutor tivese que descender do vehículo. Mentres un dos acusados lle agarraba, o outro golpeáballe cun bate en diferentes partes do corpo "con intención ademais de afear a súa aparencia, de deixalo inconsciente para roubarlle o diñeiro" que levaba no vehículo procedente da recadación do hostal que rexentaba.
Segundo o fiscal, leváronse preto de 2.000 euros da recadación que posteriormente foron encontrados momentos despois na campaña extractora da cociña da casa que compartían os acusados, que eran parella naquel momento. Ademais de pedirlle unha pena de prisión, o Ministerio Público quere que o tribunal da Sección Cuarta de la Audiencia os condene a indemnizar a vítima con 13.500 euros polo tempo de curación e con 212.000 polas lesións ocasionadas.
José Luis V.M. explicou ao tribunal que aquel día circulaba coa que era a súa noiva, Lucía G.S., cando se cruzaron "por casualidad" coa vítima e este empezou a insultalo. Recoñece que lle agrediu cun bate, pero que o fixo porque lle dixeran que o opoñente tiña un machado, se asustou e lle asestou varios golpes, pero non sabe cantos. Tras a agresión, foise do lugar pensando que estaba ben e sen saber o alcance das lesións, polas que acabou ingresado na UCI.
O procesado negou que, despois de pegalo, se levase o diñeiro que logo apareceu na súa casa, mentres que a outra acusada declarou que si fora el, pois ela non chegou a saír do coche. Só nun momento dado coincidiu co outro imputado, ao asegurar que foi ela quen lle dixo que habitualmente levaba un machado, pero en todo o demais discrepan nas súas versións.
Lucía G.S. explicou que no momento dos feitos mantiña unha relación co outro acusado, que era o seu noivo oficial, pero tamén tiña relacións coa vítima e, de feito, asegurou que el lle axudaba economicamente con gastos como o pagamento do aluguer. Non obstante, o hostaleiro agredido negou ter ningunha vinculación coa rapaza, á que coñecía unicamente porque era clienta do seu bar.
"¿Por qué le iba a ayudar económicamente?", preguntou a vítima ante as preguntas das partes durante o xuízo. A súa versión dos feitos non coincide coa de ningún dos procesados, pois relata que o acusado varón levaba un pau na man, o agrediu sen mediar palabra e mentres el o golpeaba ela o animaba.
O xuízo retomarase este xoves 26 de febreiro coa declaración dos peritos que interviñeron no caso.