Fiscalía pide 18 anos de cárcere para unha parella por roubar e agredir un hostaleiro de Vilagarcía
Por Redacción
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o próximo martes 24 de febreiro o xuízo contra unha parella de Vilanova de Arousa, de 27 e 26 anos de idade, acusados de roubo con violencia e outro delito de lesións.
A Fiscalía de Pontevedra pide para os acusados José Luis V.M. e Lucía G.S. un total de 18 anos de cárcere, catro anos polo delito de roubo con violencia e cinco por outro de lesións para cada un e unha indemnización de 13.488 euros polo tempo que tardaron en curar as súas lesións e 212.000 euros polas secuelas.
No seu escrito de acusación, o Ministerio Público sostén que os acusados, na madrugada do día 13 de marzo de 2012, na rúa Arealonga de Vilagarcía, cortaron o paso co seu coche ao vehículo que conducía o propietario do Hostal Nogal. Ao baixar o empresario do seu coche aproveitaron para roubarlle o diñeiro da recadación que portaba, concretamente 1.960 euros. Ademais mentres un dos acusados agarraba á vítima "o outro golpeáballe cun bate en reiteradas ocasións, por todo o corpo pero en concreto na cabeza, na cara e nas costelas".
Segundo informa o Diario de Arousa. como consecuencia dos golpes o hostaleiro tivo que ser ingresado na UCI paso por case un ano de rehabilitación constante e as secuelas que lle quedaron resúmense en perda de audición, vertixes, cicatrices e trastorno leve de personalidade.