A CIG reclamaralle a Sanidade que recupere o servizo de ambulancias as 24 horas en Marín
Por Redacción
A CIG reclamaralle aos responsables da Consellería de Sanidade que recupere o servizo de ambulancias as 24 horas en Marín "porque os recortes aplicados polo PP nesta materia dende 2011 están a prexudicar tanto a esta localidade como a toda a comarca de Pontevedra". Representantes da central manterán unha xuntanza con responsábeis da Xunta en Santiago este xoves para abordar esta problemática.
Dende a CIG de Pontevedra explican que despois das repetidas solicitudes de reunión coa xunta de portavoces do Concello de Marín (PP, BNG, PSOE e Mar-In), a alcaldesa accedeu a convocala, "polo que poidemos trasladarlle as nosas reivindicacións".
Entre elas figuraba unha petición de entrevista cos responsábeis da Consellería de Sanidade que finalmente terá lugar en Santiago este xoves ás 13.30 horas e na que participarán os distintos grupos políticos.
Segundo explica o responsable da CIG Xavier Aboi, "non se trata dunha cuestión económica senón que é unha decisión política". Deste xeito, aproveitarán a xuntanza para trasladarlle estas reivindicacións ao secretario xeral de Sanidade e ao director do 061.
SITUACIÿN DE DESPROTECCIÿN EN VILAGARCÍA
Por outra banda, a CIG de Pontevedra reclama tamén unha xuntanza cos responsábeis municipais de Vilagarcía de Arousa para abordar a problemática derivada dos recortes no servizo de ambulancias do municipio.
Dende a central nacionalista lembran que no mes de decembro cursaron de forma conxunta cos traballadores do sector unha solicitude de entrevista por Rexistro e aínda non lles convocaron para abordar o tema, "nin a nós nin aos grupos políticos".
O obxectivo da xuntanza é trasladar a preocupación dos traballadores de ambulancias "ante a situación de desprotección derivada de que a única ambulancia existente ten que cubrir dende Catoira ata A Illa, ademais de Vilagarcía, que conta cun porto de interés xeral".