Esixen a Sanidade que restableza o servizo nocturno de ambulancias en Marín
Por Redacción
O 061 suprimiu, en setembro de 2011, o servizo nocturno de ambulancias no Concello de Marín. Dende entón, os pacientes que requiren asistencia médica durante as noites son atendidos por vehículos procedentes de Pontevedra e Bueu, ou ben chegan aos centros hospitalarios polos seus propios medios.
Trátase dunha situación que a corporación municipal espera poder resolver en próximas datas.
A Xunta de Voceiros, formada pola alcaldesa e os responsables de PP, PSdeG-PSOE, BNG e MAR-IN, aprobou por unanimidade unha declaración institucional dirixida á Consellería de Sanidade para que restableza o servizo de ambulancia en horario nocturno con sede en Marín.
Segundo explican dende o goberno municipal, trátase dunha declaración que se aprobou a petición da representación sindical da CIG no comité de empresa, tendo en conta que se está a proceder actualmente á licitación e contratación da renovación do servizo que afecta ao municipio.
Ademais, na devandita comunicación a Sanidade solicítase tamén unha reunión urxente cos responsables da consellería para poder expoñerlles as "causas necesarias" para retomar este servizo nocturno, que foi suprimido no seu día alegando unha reorganización interna das bases do 061 en toda Galicia.
Relacionadas:
-
O Sergas nega a Marín a restitución do servizo nocturno do 061 por falta de demanda
Por Redacción |
-
A CIG reclamaralle a Sanidade que recupere o servizo de ambulancias as 24 horas en Marín
Por Redacción |
-
A CIG alerta da presenza de 'fondos voitre' ao axexo do contrato das ambulancias
Por Oskar Viéitez |