Un camión frigorífico impacta na N-640 e a cabina queda colgando sobre a mediana
Por Redacción
Un camión frigorífico que circulaba en dirección a Caldas de Reis pola N-640 sufría un aparatoso accidente ao impactar contra a mediana da estrada, por causas aínda por determinar.
Segundo informaba o Servizo de Emerxencias do 112, o suceso rexistrábase arredor das 13.45 horas deste venres 13. Un particular alertou de que se producira o accidente na saída cara á rotonda de Baión. O camión de conxelados de grandes dimensións pero sen carga material quedaba, tras o impacto, coa cabina por enriba da mediana. Non obstante, o condutor resultaba ferido leve e saíu polo seu propio pé do vehículo.
Dende o 112 alertouse os bombeiros do Salnés que evitaron que o gasóil se estendese pola estrada. Á zona tamén acudiron membros de Protección Civil de Vilagarcía e axentes da Garda Civil de Tráfico que mantiveron cortado o vial mentres se retiraba o camión da estrada.