Ferida grave unha muller tras un accidente entre tres vehículos en Caldas de Reis
Por Redacción
Unha muller resultou ferida de gravidade nun accidente de tráfico que se produciu na tarde do xoves na N-640 ao seu paso polo concello de Caldas de Reis.
O accidente tivo lugar sobre as oito da tarde na parroquia de Godos. Víronse implicados neste tres vehículos que remataron por colisionar entre eles.
A vítima viaxaba nun dos coches e tivo que ser trasladada de urxencia a un centro hospitalario pontevedrés, segundo informou o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Todo sucedeu, segundo parece, cando un vehículo que saíra da gasolineira, á altura do restaurante Nove Arcos, quixo adiantar un camión e chocou contra outro turismo. Este debido ao impacto foise contra o quitamedos da estrada. Posteriormente, o primeiro coche rematou por chocar contra un terceiro vehículo.
Ao lugar do sinistro trasladáronse Urxencias Médicas do 061, a Garda Civil de Tráfico, os GES de Valga e voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.
A estrada tivo que ser limpada antes de restablecer o tráfico por completo.