Executan de forma discreta o derrubamento das tres choupanas do poboado do Vao
Por Redacción
Sen operativo das forzas de seguridade nin presenza mediática. Así se executou o derrubamento das tres choupanas do poboado do Vao. De forma rápida e discreta, o Concello de Poio deu cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Tras un acordo ao que chegaron as familias afectadas, a empresa que executa estes traballos e o propio Concello, esta actuación comezou xa a semana pasada.
Os derrubamentos contaron finalmente con toda a colaboración das familias que ocupaban estas choupanas, xa realoxadas en diferentes vivendas da parroquia de San Salvador.
Tras aprazar o inicio da obra o pasado día 3 por falta de efectivos policiais, o Concello de Poio esforzouse en chegar a este acordo para poder cumprir a sentenza antes da súa data límite, o 20 de febreiro. Espérase que estes traballos de demolición finalicen esta mesma semana.
Os responsables deste derrubamento sinalaron que as dúas primeiras choupanas se retiraron hai xa uns días. Despois de desinstalar as redes eléctricas e de que os seus propietarios retirasen todo tipo de efectos persoais, os operarios foron retirando de forma manual todos os materiais que as formaban, ladrillo fino e madeira fundamentalmente.
Non houbo que empregar picarañas nin maquinaria pesada, tan só unha grúa para transportar os colectores cos entullos.
A última en desmantelarse foi unha choupana de bloques que se encontraba pegada a outra vivenda anexa, que non está afectada por esta sentenza xudicial. Os traballos neste punto tiveron que facerse cun maior coidado para non afectar a esta segunda construción.
O Concello de Poio informará este xoves de todos os detalles deste proceso.
Relacionadas:
-
A falta de efectivos policiais obriga a aprazar o derrubamento de tres chabolas do Vao
Por Anxo Lourido |
-
O Concello de Poio prevé un derrubamento "pacífico" no Vao tras solucionar o realoxo das familias afectadas
Por Oskar Viéitez |
-
Poio fixa para o 3 de febreiro o derrubamento de tres chabolas no Vao 'supervivintes' de 2007
Por Oskar Viéitez |