A falta de efectivos policiais obriga a aprazar o derrubamento de tres chabolas do Vao
Por Anxo Lourido
Todo estaba previsto para que ás 9:00 horas deste martes 3 de febreiro se iniciasen as obras de demolición de tres choupanas do poboado do Vao en Poio. A empresa encargada do derrubamento, o arquitecto municipal e os medios de comunicación esperaban á entrada do asentamento a chegada das forzas da orde para iniciar os traballos. Non obstante, quen aparecía era o alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado por dúas patrullas da Policía Local para anunciar que o derrubamento se suspendía porque a Subdelegación do Goberno solicitou un aprazamento da operación por falta de efectivos.
Segundo explicou Luciano Sobral, durante a tarde deste luns 2 de febreiro, o Concello de Poio recibía un comunicado do Subdelegado do Goberno indicando que ata o día 17 non contan con efectivos posibles para realizar esta intervención de seguridade no Vao.
Ante esta situación, o alcalde de Poio indicou que van seguir falando coas tres familias afectadas para chegar a un acordo e, desta forma, vaian baleirando as súas vivendas canto antes para iniciar a demolición ao longo dos próximos días. O 20 de febreiro finaliza o prazo establecido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para levar a cabo estes traballos impostos por unha sentenza derivada dunha demanda dos veciños da zona que entendían que os nove derrubamentos de chabolas en 2008 foran insuficientes.
Ante esta situación, o goberno local descarta a opción de pedir unha nova prórroga pero si trasladarán á xuíza este imprevisto provocado pola Subdelegación do Goberno que, segundo o alcalde, fora alertada o 22 de xaneiro desta intervención. Luciano Sobral entende que dende a Subdelegación se pretendía trasladar ao Vao un servizo de antidisturbios como medida de precaución, tal e como sucedeu nos derrubamentos de 2008, que o rexedor considera excesiva ante a "actitude positiva das familias afectadas". Trátase dun matrimonio con dous fillos menores, outro con tres fillos, tamén menores, e unha parella que se trasladarán a pisos de aluguer xa contratados polo Concello de Poio dentro da propia parroquia do Vao por un período de dous meses. Dende o goberno local esperan que non se produza ningunha reacción veciñal contraria a estes realoxamentos temporais.
En 2008, o realoxamento de varias familias do poboado xitano en Monte Porreiro e Caritel (Ponte Caldelas) provocou un importante conflito veciñal ao entender que estas familias xerarían problemas no ámbito relacionados co tráfico de drogas.
Na actualidade no asentamento do Vao residen 42 familias e Luciano Sobral recoñece que o poboado segue marcado pola actividade de tráfico de droga pero indica que "unha cousa é a delincuencia e a violencia que hai arredor da droga onde as forzas de orde pública deberían actuar contra as persoas que fan unha actividade ilícita como con calquera outro cidadán. Pero outra cousa é que as familias e os rapaces de corta que hai aquí poidan vivir nun entorno adecuado".
E engadiu que "en Galicia, a droga móvese nunhas esferas diferentes ás do Vao. Nunha redada de capos nunha hai un xitano" pero insistiu na necesidade dun aumento da actividade policial na zona: "debe haber un control e vixilancia do pequeno narcotráfico que hai aquí arredor e ten que haber un control con máis intensidade para castigar ás persoas ás que se lle incauten alixos de droga ou pequenos roubos".