Denuncian que Defensa enganou ás traballadoras de Cleanet, que entra en concurso de acredores
Por Anxo Lourido
As traballadoras da empresa Cleanet, que se encargan da limpeza das instalacións do cuartel da Brilat en Figueirido e da Escola Naval de Marín, encóntranse en folga durante este mércores 11 e este xoves 12 ante o non pagamento das nóminas durante máis de catro meses.
Este mediodía mantiveron unha asemblea no sindicato CIG na que coñeceron que a empresa ten presentado o concurso voluntario de acredores dende o 9 de decembro de 2014. O concurso adxudicouse a unha sociedade de Zaragoza e o administrador concursal transmitiu aos representantes da CIG que a entidade conta cunha débeda que ascende a 9 millóns 200 mil euros e encóntrase nunha situación de insolvencia inminente.
Dende a central sindical lamentan a actitude adoptada dende o ministerio de Defensa porque esperou ata mediados de xaneiro para rescindir o contrato e convocar un novo concurso xa que segundo Diana Rodríguez, a secretaria comarcal de CIG-Servizos, "ocultaron información coa intención de que a empresa seguira durante meses cobrando facturas, non pagando ás traballadoras e ao final van ter que pagar todos os contribuíntes os salarios a través do Fogasa. E que estivo facendo Cleanet con todos os cartos que pagou Defensa?" pregúntase a representante sindical. "ÿ deleznable", apuntou Diana Rodríguez mostrando a súa indignación porque dende o goberno non se informara de que a empresa xa solicitara o concurso de acredores.
Segundo indicou Marcos Cadórniga, de CIG-Servizos, o administrador concursal remite xa ás traballadoras a solicitar as cantidades debidas a través do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) e conta con dous meses para decidir se acepta a débeda que presente o persoal e comprobar en que situación económica se encontra a empresa. Durante ese tempo, as traballadoras continuarán traballando sen recibir o seu salario.
Cadórniga indica que, cando se reuniron en Madrid en xaneiro con representantes do ministerio de Defensa, ninguén os informou de que Cleanet presentara o concurso de acredores e entenden que os enganaron ocultándolles a información e buscando escusas para que a empresa seguise cobrando.
Sinalan que as traballadoras están a recibir ordes dos mandos militares pero, non obstante, dende Defensa non se defenden ás traballadoras que continúan sufrindo esta situación de non pagamento.
A folga do equipo de Cleanet continuará entre o 21 e o 24 de febreiro. O ministerio de Defensa adxudicará en marzo este servizo de limpeza a unha nova empresa.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Cleanet tampouco reciben a nómina de xaneiro e suman xa máis de 4 meses sen cobrar
Por Redacción |
-
Os traballadores de Cleanet seguirán coas mobilizacións ante as dúbidas do novo contrato de Defensa
Por Diego Espiño |
-
Traballadoras de Cleanet celebran en Madrid a rescisión do contrato por parte de Defensa
Por Redacción |
-
Defensa inicia o procedemento de resolución de contrato coa empresa Cleanet
Por Redacción | Creada e actualizada