'Pillan' un ciclista drogado en sentido contrario nunha rotonda
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra denunciou este fin de semana a un ciclista que circulaba de forma irregular pola rúa Doutor Loureiro Crespo a altas horas da madrugada mentres se encontraba baixo os efectos das drogas.
Os feitos sucederon sobre as 4.40 horas deste sábado 7 de febreiro. Unha dotación policial observou o ciclista en cuestión circulando de forma inadecuada, con condutas como utilizar unha rotonda no sentido contrario ao establecido. Como anécdota, vestía unha camiseta de manga curta a pesar das baixas temperaturas da madrugada.
Ante estas evidencias, decidiron sometelo a unha proba de detección de drogas na que deu positivo en consumo de cocaína e cannabis. Foi denunciado pola vía administrativa e enfróntase a unha sanción que pode alcanzar os 1.000 euros.
Dentro dos controis realizados pola Policía Local para detectar a condución baixo os efectos do alcohol, ao longo desta fin de semana detectaron un condutor que superou catro veces a taxa de alcohol permitida ao volante. Trátase dun home de 45 anos que foi sometido ao test sobre as 6.55 horas da mañá na rúa Cruz Vermella e botou un resultado positivo de 1,11 miligramos por litro de aire expirado, de modo que foi denunciado como autor dun delito contra a seguridade vial.
Ademais, os axentes instruíron un atestado por un presunto delito contra a seguridade vial contra un condutor que sobre as 3.00 horas do domingo foi detectado circulando a unha velocidade inadecuada pola avenida de Compostela e, ao decatarse da presenza dunha patrulla, intentou esquivar os policías e aparcou o coche na rúa Xoán Manuel Pintos. O home foi trasladado á Xefatura da Policía Local para ser sometido á proba de alcoholemia e rematou detido por non permitir aos axentes realizar as dilixencias oportunas.