O Campus acolle un curso de Fitness con atención á discapacidade
Por Redacción
Máis aló das barreiras físicas que aínda poidan existir para o seu acceso a determinadas instalacións, a principal limitación coa que se atopan ás persoas con problemas de mobilidade á hora de realizar actividade física en espazos como os ximnasios é a falla de coñecementos específicos do seu persoal sobre o tipo de adestramento que poden realizar.
Co obxectivo de contribuír a derrubar todo tipo de barreiras para que calquera poida levar a cabo unha actividade beneficiosa para a súa saúde, socialización e autoestima, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro, a segunda edición do curso Fitness con atención á discapacidade e mobilidade reducida, que este centro organiza xunto coa Facultade de Fisioterapia e a Fundación Isidre Esteve.
O propio Isidre Esteve, un piloto de rallies que padece unha lesión medular, será un dos relatores que achegará ás persoas asistentes ao curso as súas experiencias no mundo do deporte, como tamén fará o nadador Chano Rodríguez, gañador de 15 medallas nos Xogos Paralímpicos.