Sanxenxo aprobará o luns as expropiacións necesarias para a ampliación do CEIP Cruceiro
Por Redacción
Sanxenxo está decidida a aprobar inicialmente a expropiación dos terreos no Revel (Vilalonga) que necesita para poder construír as novas instalacións do CEIP Cruceiro. O goberno municipal convocou para o luns un pleno de carácter extraordinario e urxente para abordar a expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, dos terreos incluídos no ámbito do plan especial de infraestruturas e dotacións da zona E69B do PXOM de Sanxenxo.
Unha vez que a Corporación municipal dea o visto e prace ao documento será remitido ao Diario Oficial de Galicia, ao Boletín Oficial da Provincia e tamén se expoñerá na taboleiro de anuncios da Casa Consistorial.
Paralelamente, dende a Administración local notificarase de forma individual as taxacións a aquelas persoas que aparezan como titulares dos bens ou dereitos afectados, mediante o traslado literal da correspondente folla de prezo xusto e da proposta de fixación dos criterios de valoración establecidos polo enxeñeiro agrónomo externo. A partir da recepción da documentación, os interesados poderán formular alegacións no prazo dun mes.
Tras a resolución das reclamacións presentadas, o Concello de Sanxenxo procederá a aprobar o proxecto de forma definitiva, acción que será comunicada aos afectados, que terán vinte días para manifestar por escrito a súa desconformidade coa valoración marcada achegando a folla de aprecio, que se trasladará ao Xurado Expropiatorio de Galicia.
Naqueles casos nos que non se formule desconformidade, os propietarios deberán achegar a certificación correspondente do Rexistro da Propiedade no momento do pagamento do prezo xusto.
Con este procedemento, a Administración sanxenxina pretende adquirir a totalidade dos terreos de titularidade privada existentes nese ámbito, cualificado como sistema de equipamentos públicos, que suman máis de 22.000 metros cadrados.