Investirán máis de 128.000 euros na reforma do pavillón de deportes de Vilalonga
Por Redacción
A reforma do pavillón de deportes de Vilalonga será a próxima obra que acometa o goberno municipal na parroquia. O obxectivo desta actuación é emendar as deficiencias que presenta e garantir a correcta utilización das instalacións deportivas". Será preciso un investimento superior aos 128.000 euros, que se espera financiar a través do Plan de Obras e Servizos que promove a Deputación de Pontevedra.
"O lucernario existente sobre a pista está totalmente deteriorado o que provoca filtracións de auga, así como as terrazas planas e a cuberta sobre os vestiarios", apuntou o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Tino Sanmartín, quen sinalou tamén outras carencias como a rotura de instalacións eléctricas, azulexados, linteis e canos dos ventanais en mal estado, deterioración da pintura da estrutura e das paredes, así como das diferentes portas interiores e de acceso ao equipamento.
Segundo recolle o proxecto elaborado polos técnicos municipais, nas reparacións a executar utilizaranse materiais análogos aos existentes, con lucernario de policarbonato curvo alveolar, incoloro opal de 20 milímetros de espesor; cubertas de chapa de aceiro galvanizado nas zonas de terrazas e con illamento interior; e caneiros e remates de encontros e petos.
"Para mellorar a imaxe das instalacións levaremos a cabo a limpeza dos muros e pintaremos aquelas partes da edificación de bloque de cara a vista", explicou Tino Sanmartín.
O concelleiro de Obras recordou que dende o departamento que dirixe se acometeron nos últimos anos diversas actuacións encamiñadas a evitar as filtracións de augas que rexistra o inmoble, destacando o selado da carpintaría e a limpeza dos caneiros e das cubertas planas, entre outras.
"Aínda que se conseguiu que diminuíra a entrada de auga, non puidemos solucionar por completo este problema polo que esperamos que con esta intervención poidamos arranxalo de forma definitiva", sinalou o edil.
Relacionadas:
-
Ultiman a licitación da reforma do pavillón de Vilalonga e a Casa do Priorato
Por Redacción |
-
Conceden máis de 222.000 euros para obras en infraestruturas deportivas en Barro e Vilalonga
Por Redacción |
-
Sanxenxo aprobará o luns as expropiacións necesarias para a ampliación do CEIP Cruceiro
Por Redacción |