O 8 de febreiro, a "petotear" a Cotobade
Por Oskar Viéitez
O municipio de Cotobade celebrará o próximo domingo 8 de Febreiro a VI Festa do Petote.
A deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez e o alcalde da localidade, Jorge Cubela, animaron nenos e maiores a participar nesta festa e degustar un saboroso menú e gozar da boa música.
Segundo informou Jorge Cubela, nunha rolda de prensa na sede de Turismo Rías Baixas, a festa arrancará cun "showcooking" a cargo dos expertos Miguel Mosteiro, de Deleitarte, e Rocío Garrido, do blog "La cocina de mi abuelo". Eles encargaranse de elaborar catro sinxelas receitas co petote como protagonista e que serán degustadas de balde polo público presente.
A partir das 14.00 horas todos os asistentes poderán degustar, no Pavillón de Carballedo, un saboroso menú composto por costela, chourizo, lacón, chourizo ceboleiro, patacas, verduras, cacheira, petote e filloas de postre, todo iso polo módico prezo de 15 euros. Para os máis pequenos da casa tamén haberá un menú a base de costelas, patacas, chourizo e petote a un prezo de 5 euros.
Os pequenos terán inchables para poder xogar no recinto da festa.
Durante a xornada non faltará a animación musical a cargo da charanga Charandonga e do grupo de gaitas Foula de Tenorio. Ademáis actuará Ángel América, coñecido veciño de Cotobade que foi cantante da orquestra América SL.
O petote elabórase cunha mestura de fariña de trigo e millo, que se moldea como un bolo e se bota a cocer na auga da cacheira do cocido para despois servilo cortado en toros. Esta sinxela receita é produto da necesidade e do enxeño dos galegos en tempos de escaseza.
O resultado foi tan saboroso que a receita perdurou ata os nosos días e en Cotobade segue sendo un prato típico, aínda que xa lle saíron competidores noutros pobos de Galicia que impulsan a súa propia festa baixo a denominación de "bolo do caldo".
Aínda que Jorge Cubela insistía en que para "petotear" hai que ir a Cotobade.