Cotobade serve máis de 500 racións de petote na sexta edición da súa festa gastronómica
Por Diego Torrado
Para loitar contra ao frío, que mellor que un bo cocido. E poucos se preparan como en Cotobade. Iso é o que terán pensado os centos de persoas que este domingo asistiron á sexta edición da Festa do Petote. O pavillón de deportes de Carballedo acolleu de novo esta cita gastronómica, xa consolidada no calendario festivo da provincia de Pontevedra.
Todos eles deron conta de máis de 500 porcións dun saboroso menú composto por costela, chourizo, lacón, chourizo cebolero, patacas, verduras, cacheira, petote e filloas de sobremesa. Para os máis pequenos da casa tamén se ofreceu un prato de costelas, patacas, chourizo e petote.
O domingo soleado favoreceu a chegada dos comensais que en familia ou con amigos acudiron a unha festa que estivo amenizada pola charanga Charandonga e do grupo de gaitas Foula de Tenorio. Ademais actuou Ángel América, coñecido veciño de Cotobade que foi cantante da orquestra América SL.
A preparación do produto protagonista da festa, unha mestura de fariña de trigo e millo, que se moldea como un bolo e se bota a cocer na auga da cacheira do cocido para despois, servilo cortado en toros, correu por conta de Casa Blanco. O público tamén puido degustar o petote algún dos establecementos hostaleiros que colaboran na iniciativa: A Raxadal e Casa Inés.