María Biempica súmase á carreira electoral e encabezará unha candidatura independente
Por Alejandro Espiño
María Biempica esfollou por fin a margarida. Despois de meses estudando diferentes alternativas, a ex concelleira do Partido Popular decidiu encabezar unha candidatura independente de cara ás próximas eleccións municipais de maio.
A propia interesada confirmou a PontevedraViva as súas intencións, tras adiantalo Diario de Pontevedra esta fin de semana. Asegura que xa remitiu toda a documentación ao Ministerio do Interior para poder concorrer ás eleccións con esta candidatura independente. Iso si, ata que reciba o visto e prace gobernamental declina dar máis detalles acerca desta nova formación.
Biempica, que dende a súa saída do PP permaneceu na corporación municipal como concelleira non adscrita, afirma que leva traballando no seu programa electoral dende o pasado mes de outubro, para o cal se foi reunindo con diferentes colectivos sociais.
Ademais, sinala que está "muy ilusionada" e avanza que xa ten perfilado o equipo de persoas que o acompañará nesta aventura política. Conta, segundo ela mesma explica, con numerosos apoios que, a título persoal ou colectivo, lle mostraron a súa disposición a avalala na súa carreira electoral.
A edil insiste en que non se presenta ás eleccións municipais buscando algún tipo de revancha política contra o Partido Popular e o seu candidato, Jacobo Moreira, senón porque "creo que puedo trabajar por los pontevedreses, como lo he venido haciendo hasta ahora".
Relacionadas:
-
María Biempica presentarase ás eleccións baixo a denominación "Tod@s por Pontevedra"
Por Redacción |
-
María Biempica pide unha xestión eficiente da praza de Abastos
Por Mónica Patxot |
-
María Biempica acusa o PP de intentar excluíla de cinco consellos escolares
Por Redacción |
-
María Biempica celebra a retirada da lei do aborto: "De alguna forma se me da la razón"
Por Alejandro Espiño |