Sanxenxo contratará temporalmente trinta desempregados para reforzar o seu persoal municipal
Por Redacción
Sanxenxo reforzará o seu persoal municipal coa contratación dunha trintena de persoas que, actualmente, se atopen en situación de desemprego. Serán contratos temporais, segundo confirmou o concelleiro de Persoal, Salvador Durán. Para iso, o Concello acaba de solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra, dentro do plan de emprego promovido polo organismo provincial.
Para optar a estes postos, unha vez se publique a convocatoria, os aspirantes terán que cumprir o requisito de non ser perceptores de prestacións, salvo daquelas axudas sociais destinadas a garantir os recursos mínimos de subsistencia, e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Esta acción ten como obxectivo ofrecer a oportunidade a 30 persoas de adquirir experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
As contratacións serán por un período de seis meses a tempo parcial de 25 horas á semana e servirán para reforzar os servizos de interese xeral e social que dispensa o Concello de Sanxenxo, tanto aos veciños do municipio como aos visitantes que escollen este destino en periodos vacacionais.
Concretamente, os traballadores reforzarán os departamentos de Obras e Servizos, Parques e Xardíns, Servizos de Administración e Limpeza de Praias. A selección de persoal levarase a cabo a través do Servizo Público de Emprego, atendendo aos principios de mérito e capacidade.
BOLSAS PARA LICENCIADOS
Salvador Durán confirmou tamén que o Concello de Sanxenxo pretende formar parte de novo do plan de práctica laboral nos concellos, convocado polo ente provincial, de forma que sumaría ao organigrama municipal durante un ano a cinco bolseiros con titulacións como diplomatura en Dirección e Xestión Pública, licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, diplomatura en Traballo Social e en ciclo superior en Administración e Finanzas.
Relacionadas:
-
Sanxenxo inicia a selección de 30 desempregados para postos municipais temporais
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Sanxenxo investirá máis de 21.000 euros na reforma do seu mercado municipal
Por Redacción |
-
Un total de 907 mozos titulados preinscríbense para optar ás 200 bolsas do novo plan de práctica
Por Redacción |