Sanxenxo investirá máis de 21.000 euros na reforma do seu mercado municipal
Por Redacción
Sanxenxo reformará proximamente o seu mercado municipal. A alcaldesa Catalina González anunciou ante a Mesa Local de Comercio esta actuación, que será realizada con cargo a unha subvención da Consellería de Economía e Industria e que podería alcanzar ata o 70% do presuposto da actuación.
Catalina González explicou que na convocatoria destas axudas a Xunta de Galicia especifica que os concellos só poderán beneficiarse destas subvencións para unha única actuación, polo que o Goberno que preside acordou presentar o proxecto elaborado para este equipamento público.
O concelleiro delegado desta área, Marcos Guisasola, comentou que a intervención formulada ten como obxectivo acometer unha reforma integral dos baños, que se encontran obsoletos debido á súa antigüidade, que supoñerá tanto a substitución do azulexado como dos equipos sanitarios, así como a súa adaptación para o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida. A intervención levará consigo tamén a reforma das instalacións eléctricas e de fontanaría.
Esta actuación precisará un investimento superior aos 21.000 euros e incluirá así mesmo a colocación na entrada do inmoble dunha porta de apertura automática de cristal.
Marcos Guisasola sinalou á súa vez que o Concello de Sanxenxo solicitará unha axuda dentro deste programa autonómico para a mellora dos mercados municipais dirixida á formación dos praceiros en canto a asesoramento, atención ao público e aumento da rendibilidade dos puntos de venda.
Relacionadas:
-
Primeiras figuras do viño visitan Sanxenxo para coñecer as potencialidades da zona
Por Redacción |
-
Sanxenxo contratará temporalmente trinta desempregados para reforzar o seu persoal municipal
Por Redacción |
-
Sanxenxo abre o prazo para renovar os permisos de venda ambulante nos mercados
Por Redacción |