Máis de 80.000 euros para sanear Avecil en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas incluíu o saneamento de gran parte da zona de Avecil (Cuñas) no Plan de Investimentos da Deputación Provincial cun investimento aproximado de 81.495 euros e a licitación realizarase en primavera para que a obra poida estar executada antes do verán deste mesmo ano.
O proxecto considera a colocación de ao redor de 1.000 metros lineais de canalizacións, distribuídas en varios ramais, que permitirán prestar este servizo de rede de sumidoiros a unhas 25 vivendas desta zona que se conectarán co colector do barrio de Aldea de Abaixo para conducir as augas fecais ata a depurada situada en Parada.
A rede de saneamento en Cuñas, cunha dispersión de poboación existente, ampliouse durante 2014 a través do Plan de Investimentos da Deputación. As obras de saneamento comezaron no 2010, cunha primeira fase.
Segundo informa o Concello de Ponte Caldelas estase a afrontar o saneamento en diversos núcleos de poboación do municipio que, pola súa gran dispersión, provoca que teña que ser executado en varias fases e ter en conta a orografía do terreo, os desniveis e as dificultades técnicas que presentan os distintos lugares obxectos da actuación.