As obras do novo abastecemento de auga de Pontevedra van "moi avanzadas"
Por Redacción
A finais deste mes de xaneiro comezarán os traballos para substituír o actual bombeo de auga do río Lérez. Isto provocará que, durante tres ou catro semanas, a subministración de auga potable en Pontevedra se faga a través do encoro do Pontillón do Castro. ÿ unha das actuacións de maior envergadura, xunto coas obras en Marín, que quedan para finalizar as obras do novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría.
Así o avanzou o concelleiro César Mosquera tras a reunión da comisión de seguimento destes traballos que executa a empresa Acuaes nos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Marín e Vilaboa por valor de 39,9 millóns de euros. A ela, ademais dos alcaldes destes cinco municipios, acudiron a directora zonal de Acuaes, Isabel Pérez Espinosa, e o seu director de Infraestruturas, Juan José Gil Barco.
No devandito encontro quedou de manifesto que as obras da marxe dereita da ría -Pontevedra, Poio e Sanxenxo- están "moi avanzadas", segundo Mosquera. Nelas inclúese a ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Lérez e os depósitos de Dorrón, Buezas, Mourente e Lérez, así como a execución de 22,2 quilómetros de conducións nos municipios de Pontevedra, Poio e Sanxenxo e os novos bombeos de Raxó e Padriñán.
No referente a conducións, en Pontevedra executouse unha nova condución de abastecemento á ETAP dende o encoro do Pontillón e outra dende a ETAP ao bombeo de Monteporreiro e ao depósito de Mourente. A lonxitude conxunta das conducións é de nove quilómetros. En Sanxenxo tamén concluíron as obras da condución proxectada entre os depósitos de Padriñán e Buezas, de 1.200 metros de lonxitude.
En Poio, pola súa banda, executouse a renovación das arterias de abastecemento a Poio e a Sanxenxo, de 12 quilómetros baixo a estrada PO-308. Así mesmo finalizou a construción dos catro novos depósitos desta marxe, Dorrón e Buezas en Sanxenxo e Mourente e Lérez en Pontevedra, cunha capacidade total de 25.000 metros cúbicos. Por último, encóntranse xa totalmente rematados os bombeos de Raxó e Padriñán, ambos os dous situados en Sanxenxo.
En relación ao proxecto que se leva a cabo na marxe esquerda, as obras en execución desenvolverán o tramo incluído entre Pontevedra e Vilaboa, que consiste na instalación dunha condución que, partindo do depósito de regulación que se executará en Mourente, percorrerá o arco da marxe esquerda da ría, bordeando polo sur o Concello de Pontevedra ata Lourizán.
O proxecto inclúe a execución dun ramal para o abastecemento de Vilaboa, concello no que se executarán dous depósitos reguladores, Croas e O Picho, cunha capacidade de almacenamento de 1.750 metros cúbicos cada un, que garantirán a subministración das puntas de demanda deste concello. Ademais, executaranse un total de 17 quilómetros de conducións de nova implantación. Estes traballos tamén están bastante avanzados.
Por último, as obras do tramo de Marín, que se encontran en fase de licitación, teñen como obxectivo a construción de dous novos tramos de distribución de auga, un tramo de adución ao novo depósito a executar en Pardavila, de 2.000 metros cúbicos de capacidade, e un segundo tramo de conexión coa rede existente de Marín. Neste caso, espérase que as obras estean finalizadas o próximo mes de decembro, xa que no caso contrario habería que renunciar a fondos europeos.
Relacionadas:
-
Acuaes adxudica por 3,3 millóns de euros as obras de mellora do abastecemento a Marín
Por Redacción |
-
Licitan as obras en Marín para a mellora do abastecemento de auga a Pontevedra e a súa Ría
Por Redacción |
-
Reestablecen completamente o abastecemento de auga tras un corte nocturno sen incidencias
Por Redacción |