Auryn e Rosa deixan a Gustavo Almeida fóra da final do programa Hit-La Canción
Por Redacción
Ao cantante afincado en Pontevedra, Gustavo Almeida, faltoulle sorte para poder pasar á final do programa Hit-La Canción que na noite deste sábado 17 se emitía en TVE, presentado por Jaime Cantizano.
'Quién', a canción do artista de orixe brasileira non foi a seleccionada pola banda de éxito entre adolescentes, Auryn, nin pola eurovisiva Rosa López para interpretalo e que, desta forma, puidese pasar á final. O tema fora seleccionado entre 4.000 composicións polo produtor musical do programa Ramón Arcusa, membro do Dúo Dinámico.
Non obstante, tal e como afirmaba no programa, para Gustavo Almeida foi toda unha experiencia poder participar en Hit-La Canción porque axuda a promover a súa carreira musical. Durante a gravación estivo acompañado pola súa nai que vibrou, entre o público, cando o artista interpretou 'Quién', un tema no que conta a situación complicada que xorde tras a ruptura dunha relación.
Gustavo Almeida dedicouse profesionalmente á música despois de xogar como futbolista no filial do Real Club Celta de Vigo. Ten editados tres discos: Por si me escuchan, Cabaña e o último foi gravado en 2014 que leva por título Desde el coche.
Podedes ver a intervención do músico nacido en Río de Janeiro durante Hit-La Canción neste vídeo: