Gustavo Almeida e "A la luz de los candelabros", oferta musical no Museo para a fin de semana
Por Redacción
O Museo de Pontevedra abre as súas portas, unha vez máis, aos amantes da música para enriquecer a oferta cultural da fin de semana. Farao nesta ocasión coa actuación do cantautor de orixe brasileiro Gustavo Almeida e co xa clásico concerto dos alumnos do Curso Internacional Música en Compostela.
A primeira das actuacións terá lugar o venres 8 de agosto, ás 21:30 horas, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo. Alí Gustavo Almeida ofrecerá un concerto especial no que contará coa participación de Fredi Leis, Sheila Patricia, o madrileño Juan Dorá e o cubano Reynier Aldana, ademais doutros artistas.
Ás portas das Festas da Peregrina, o compositor quere obsequiar á súa cidade de residencia a través da súa música, na que se atopan ritmos pop, funk e reggae con influencias da rica música de Brasil.
O sábado 9 de agosto, ás 20.00 horas e tamén no Sexto Edificio, celebrarase o concerto A la luz de los candelabros que, como cada ano, ofrecen os alumnos e alumnas do Curso Internacional Música en Compostela, que acada xa a súa edición número cincuenta e cinco.
Trátase duns cursos creados en 1958 por iniciativa do mestre Andrés Segovia, apoiado polo diplomático José Miguel Ruiz Morales, director xeral de Relacións Culturais no Ministerio de Asuntos Exteriores. Ambos os dous creron firmemente que a música española merecía un lugar máis destacado nas salas de concertos e conservatorios de música do mundo e decidiron celebrar estes cursos, para os que se elixiu como sede a cidade de Santiago de Compostela.
Dous anos despois instituíuse o costume de realizar un concerto na cidade de Pontevedra, tendo ao Museo como sede, e desde entón mantén a súa cita anual constituíndo xa unha tradición que os alumnos destes cursos, que superan o centenar e adoitan pertencer a máis de vinte nacionalidades, ofrezan ao público da cidade do Lérez un coidado programa musical como parte do seu traballo nas aulas.