Condutores e veciños da Rúa dos Campos denuncian novas bolsas de auga na vía
Por Redacción
A Rúa dos Campos, situada entre a urbanización de Monte Porreiro e a rotonda de Montecelo, nas proximidades á sede da UNED volveu presentar unha gran bolsa de auga con motivo das chuvias intensas destes últimos días.
Na zona próxima ao semáforo fórmase, segundo indican condutores e veciños, unha lagoa de auga que supera os dous palmos de altura. Os afectados indican que durante a xornada deste xoves ata tres coches sufriron avarías pola entrada de auga no motor. Segundo as mesmas fontes, dous destes turismos levantaron cortinas de auga ao circular máis a présa do establecido e a auga afectou ao motor.
Esta bolsa de auga aparece, segundo os afectados, de forma case habitual en canto se produce un chuvasco de certa intensidade. Sinalan que a orografía do tramo, a presenza dun pequeno muro e o mal funcionamento da rede de sumidoiros son a principal causa do embalsamento da auga, que en varias ocasións obrigou a que os Bombeiros de Pontevedra se tivesen que desprazar ata a zona para achicala con bombas.
Ante esta situación, os veciños reclaman unha solución para este ámbito.