Unha explotación gandeira de Viascón especialízase na cría de vacún ecolóxico
Por Redacción
Facilitar á incorporación dos mozos ás actividades agrarias. Ese é o obxectivo dunha liña de axudas que puxo en marcha a Consellería de Medio Rural e do Mar. Un dos beneficiarios é Roberto Louzán, o dono dunha explotación gandeira de Viascón (Cotobade). Recibiu case 42.500 euros para fortalecer o seu proxecto, centrado na cría de vacún ecolóxico.
Esta explotación inicialmente foi posta en marcha pola comunidade de montes de Viascón e o seu propietario ten tamén outra de método tradicional con 40 cabezas de gando.
A subvención permitiulle a Roberto Louzán levar a cabo un peche de 5,5 quilómetros, ademais de comprar 15 cabezas de gando, todos eles de raza autóctona.
En total, a finca conta con 36 cabezas de gando ecolóxico (raza autóctona, tanto frieiresa como candelá) que se atopan distribuídas a través dunha explotación de 60 hectáreas. O mozo emprendedor conta tamén con oito hectáreas de fincas propias para forraxe entre Viascón e Carballedo, onde pretende poñer en marcha un plan de pasteiros.
Louzán, que recibiu este xoves a visita do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, recordou que "hai unha enorme diferenza entre a carne ecolóxica e a tradicional, xa que a alimentación é moi distinta, tomando forraxe natural e cereal natural". De feito, a explotación recibe unha auditoría cada seis ou oito meses na que se analiza a auga, a terra, o penso e a herba que toman as vacas, "o que garante a máxima calidade".
"Pese a que o custo de producir este tipo de carne sexa maior e que a produción sexa, á vez menor, os prezos non se compensan", explicou o gandeiro. "De feito, nós podemos ter tenreiros cada seis meses no que es vacún tradicional mentres que no ecolóxico os temos cada nove". Ademais, o prezo do quilo do penso para producir carne ecolóxica é de 46 céntimos o quilo, mentres o tradicional é de 33 céntimos, "e iso fai que sexa pouco rendible", salvo que logren aumentar o consumo e poder vendela mellor prezo.