Antes do mes de maio comezará a segunda fase das obras de San Antoniño
Por Redacción
Antón Louro, concelleiro de Urbanismo, realizou un percorrido polas rúas Álvarez Limeses, Gonzalo Gallas e Cervera Mercadillo no ámbito de San Antoniño. Un espazo no que se acometeron tres actuacións para a mellora das infraestruturas viarias e a humanización desa zona da cidade. Estes traballos contaron cun presuposto de medio millón de euros. Algunhas veciñas achegáronse ao responsable de Urbanismo para felicitalo polas obras e apuntar pequenas melloras necesarias como a renovación dos colectores ou a eliminación de desniveis nalgún tramo da beirarrúa.
O concelleiro socialista sinalou que estas obras terán continuidade a través de tres rúas máis de San Antoniño: Lepanto, José Millán e Javier Puig. Louro sinalou que esta segunda fase contará cun investimento dun millón de euros aos que se sumarán 400.000 euros relacionados coa reforma prevista en Loureiro Crespo ante a entrada ao Hospital Provincial.
A segunda fase inclúese nos presupostos de 2015 e trátase de proxectos que se encontran en fase de redacción e, segundo Antón Louro, nos próximos días se trasladarán ao servizo de urbanismo para finalizar o procedemento administrativo. A partir dese momento comezará a fase executiva, que segundo o edil, se iniciará no primeiro cuadrimestre do ano, antes da chegada de maio.
Louro lamentou que a antiga sede da Xunta de Galicia situada na rúa Lepanto se encontre sen actividade. Sinalou que dende o Concello se solicitou a creación nese inmoble dun centro de formación e emprego ao que a administración autonómica non deu o visto e prace. "Dende o PSOE intentaremos que o edificio quede ao servizo dos pontevedreses. Sería un magnífico local para aulas de formación e instalacións dun centro de emprego", engadiu Louro.
Relacionadas:
-
Urbanismo investirá un millón de euros na reforma de Javier Puig, José Millán e Lepanto
Por Redacción |
-
A programación de obras para o ano 2015 volverá centrarse no barrio de San Antoniño
Por Redacción |
-
A reforma do barrio de San Antoniño estenderase en 2015 ata a rúa Lepanto
Por Diego Espiño |
-
As obras no barrio de San Antoniño ampliaranse a Gonzalo Gallas e Javier Puig
Por Alejandro Espiño |