A programación de obras para o ano 2015 volverá centrarse no barrio de San Antoniño
Por Redacción
O tenente de alcalde, Antón Louro, adiantou que a Concellería de Urbanismo está xa a traballar nas actuacións que se van desenvolver con cargo aos orzamentos municipais de 2015. A falta de pechar os últimos detalles, Louro avanzou que o barrio de San Antoniño volverá cobrar protagonismo, para que quede completamente renovado, "conforme á palabra dada aos veciños".
Louro asumiu que se trata dunha área urbana "moi deteriorada a causa da falta de investimentos durante as últimas décadas" e cunha forte presión poboacional, "polo que era preciso un impulso decidido para a súa transformación urbana con criterios do século XXI", indicou o edil socialista.
O tenente de alcalde supervisou nas últimas semanas cos técnicos municipais o desenvolvemento das actuacións actualmente en marcha, xunto co resultado das que xa están rematadas e en funcionamento.
En todos casos apúrase a recta final. Mesmo no caso de Blanco Porto, xa está completamente operativa despois de que se acometese a segunda fase para completar a totalidade do seu trazado.
Tamén está en servizo a avenida de Lugo, unha gran obra, cun orzamento superior ao millón de euros, e que supuxo unha transformación radical dunha das principais entradas á cidade, canalizando axeitadamente a circulación con dúas grandes rotondas e ordenando o aparcamento e o tránsito peonil.
As tres melloras que se están a executar no barrio de San Antoniño (Gonzalo Gallas, Gerardo Álvarez Limeses e Víctor Cervera Mercadillo) estarán dispoñibles este mes de decembro. As beirarrúas están moi avanzadas e axiña acometerase o asfaltado e o pintado final.
Todas as obras desenvolvéronse sen contratempos. As únicas incidencias están focalizadas na rúa de Santa Clara, "unha obra complexa", polas peculiaridades patrimoniais derivadas do convento das clarisas e pola riqueza arqueolóxica aparecida no subsolo durante a fase de execución. Xa na fase final da obra, a Concellería de Urbanismo mesmo tivo que tramitar e adxudicar un expediente complementario para acometer as escavacións.
Louro destacou que, a pesar de que era previsible que aparecesen este tipo de dificultades, tomou a decisión de acometer a reforma para satisfacer unha demanda histórica de veciños e comerciantes. "Non hai que esquecer, o estado en que se atopaba a rúa de Santa Clara, con beirarrúas destrozadas, con tramos de apenas 40 centímetros de anchura, un asfalto deficiente e, sobre todo, servizos completamente desfasados", subliñou Louro.
Por outra banda, as escavacións arqueolóxicas serviron para coñecer un pouco mellor á historia da cidade coa aparición de restos do Camiño Vello de Castela e a porta da Rochaforte. Sen embargo, confirmaron tamén o pésimo estado das redes de saneamento, abastecemento de auga e recollida de pluviais. Tubos de apenas 40 centímetros e elaborados en porcelana, rotos en varios puntos, e que foron substituídos por modernas conducións. "Acabaranse así os asolagamentos en baixos e sotos, que non eran infrecuentes en días de choiva".
Superados todos estes condicionantes, a Concellería de Urbanismo traballa coa previsión de que as obras rematen canto antes, a principios de 2015, xusto despois do parón no sector da construción.
Relacionadas:
-
Nova cara para a rúa Santa Clara e a praza de José Martí
Por Redacción |
-
Urbanismo investirá un millón de euros na reforma de Javier Puig, José Millán e Lepanto
Por Redacción |
-
Antes do mes de maio comezará a segunda fase das obras de San Antoniño
Por Redacción |
-
Urbanismo investiu máis de 3,6 millóns de euros na reforma de 5 hectáreas de espazos urbanos
Por Redacción |
-
O Concello habilita prazas de aparcamento para os veciños en catro zonas da cidade
Por Mónica Patxot |
-
Decembro, mes clave para as obras de Santa Clara, Blanco Porto e o barrio de San Antoniño
Por Alejandro Espiño |