Abre o proceso para a adxudicación de nove vivendas de protección oficial en Valdecorvos
Por Redacción
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) iniciará este luns 12 de xaneiro o procedimento para a adxudicación de nove vivendas protexidas en Pontevedra.
Os pisos en cuestión foron construídos pola cooperativa Xescomar en Valdecorvos, en chan urbanizado pola empresa pública Xestur.
Trátase de vivendas de tres cuartos e 90 metros cadrados cuxo prezo se fixou en 133.165,44 euros.
Segundo informa a Xunta de Galicia, poderán optar ao proceso de adxudicación todos os cidadáns que estean inscritos "a día de hoxe" no Rexistro de Demandantes de Vivenda.
Os interesados teñen un prazo de 15 días hábiles para solicitar a súa inclusión no sorteo cumprindo un formulario que se pode encontrar na páxina web do IGVS.