Sorteo de vivendas sociais en Valdecorvos entre a alegría e o mal perder
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O salón de actos da sede da Xunta en Pontevedra acolleu este mércores o sorteo ante notario de 132 vivendas de promoción pública que se atopan en construción no polígono de Valdecorvos.
Foron 1.059 as familias que solicitaron unha vivienda de promoción pública o que supón unha media de 8 peticións por piso.
Ainda que o sorteo deste mércores non é definitivo, son moitos os que xa perderon todas as súas esperanzas de obter unha vivenda social. A maioría tomouno con deportividade pero algúns non reaccionaron ben.
O xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez Yáñez, lembrou que o inmoble de Valdecorvos é o primeiro de promoción pública que porá no mercado la Xunta en anos.
Nesta ocasión participaron todos os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda ata o sete de xullo pasado, así como os que nesa data tiñan presentada a súa solicitude de inscrición.
O sorteo realizouse por cupos en función do número de dormitorios de cada vivenda e a composición familiar dos demandantes. Hai tres cupos para as vivendas de un, dous e tres dormitorios, así como un cuarto cupo para as vivendas adaptadas para o seu uso por persoas com mobilidade reducida (seis vivendas de tres dormitorios).
- As vivendas de 1 dormitorio teñen un prezo de compra: entre 40.932 euros e 35.815 euros (segundo os ingresos de cada persoa), e en aluguer 76 euros ao mes.
- As vivendas de 2 dormitorios. Prezo compra: entre 51.544 euros e 45.101 euros (segundo os ingresos de cada persoa), e aluguer: 96,65 euros.
- E as vivendas de 3 dormitorios. Prezos compra: entre 68.000 e 59.692 euros (segundo os ingresos de cada persoa). Aluguer: 127 euros.