Fin de Ano tranquilo e sen apenas incidencias en Pontevedra
Por Redacción
Se por algo se caracterizou a primeira noite de 2015 en Pontevedra é polo ambiente festivo e tranquilo que se viviu na cidade.
Foi o Fin de Ano máis calmado que se recorda, sinalan tanto dende a Policía Local coma dende o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. E tampouco a mañá de Aninovo, que adoita ser complicada, deixou incidentes de relevancia.
Segundo fontes do CHOP, o servizo de Urxencias de Montecelo só tivo que atender a seis persoas con intoxicacións etílicas, un número notablemente inferior ao de anos anteriores. Non ingresou ninguén por agresións e houbo catro pacientes que chegaron con diferentes accidentes casuais.
Pola súa banda, no Centro de Saúde da Parda si se atenderon a dúas persoas que foran agredidas e varios pacientes por pequenos cortes accidentais.
Tampouco a Policía Local de Pontevedra, que desprega un importante operativo durante esta noite tan sinalada, tivo que realizar ningún servizo destacado.
Aseguran que non houbo ningunha incidencia, nin de noite que adoita ser habitual nin xa pola mañá, que resulta conflitiva ás veces polos episodios que protagonizan aqueles que regresan ás súas casas despois dunha noite enteira festexando o ano novo.