Os taxistas promoven un novo incremento anual de tarifas
Por Redacción
O prezo dos servizos de taxi subirá de novo na cidade de Pontevedra no ano 2015. As novas tarifas aínda teñen que superar diversos trámites legais, pero este luns pasaron o primeiro escollo: a súa aprobación por parte da Xunta de Goberno do Concello.
A Xunta de Goberno revisou as tarifas polo uso do transporte en taxi por solicitude da Asociación de Autopatróns de Pontevedra capital e municipios e acordou os novos prezos propostos, que supón un incremento en todos os conceptos do servizo: baixada de bandeira, quilómetro de percorrido e hora de espera.
Segundo os datos facilitados polo voceiro do Goberno local, Raimundo González, no servizo diúrno a baixada de bandeira pasa de 1,86 euros a 1,90; o quilómetro pasa de 0,91 a 0,96; e a hora de espera increméntase dende os 17,16 aos 17,50 euros.
No servizo nocturno, a baixada de bandeira pasa dos 2,08 euros actuais a 2,12. O quilómetro de percorrido nese horario sobe de 1,25 a 1,27 e a hora de espera é a que rexistra un incremento maior, de 18,54 a 19,48 euros.
Raimundo González explicou que estas novas tarifas deberán pasar agora pola comisión de Infraestruturas correspondente, aprobarse no Pleno da Corporación e, posteriormente, ser revisadas e recibir o visto e prace da Xunta de Galicia. O servizo xa subiu na cidade en 2013 e 2014.
Relacionadas:
-
Ano novo, prezos conxelados
Por Alejandro Espiño |
-
Pleno fugaz e sen asuntos polémicos para non empañar a entrega dos Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
A baixada de bandeira dos taxis de Pontevedra sitúase en 1,86 euros
Por Redacción |
-
Aproban unha suba do 3,9 por cento nas tarifas dos taxis pontevedreses
Por Redacción |