Ano novo, prezos conxelados
Por Alejandro Espiño
Xa estamos en 2015. E como é habitual o primeiro día de cada ano, os pontevedreses encontrámonos con prezos novos en moitos dos servizos e necesidades básicas. E por suposto non sempre acompañados das correspondentes subas en salarios e pensións. Se ben é certo que este ano, quizais pola inminente cita electoral, a revisión dos prezos non será tan gravosa como noutras ocasións.
Para empezar, o Concello de Pontevedra optou por conxelar as 27 taxas e impostos municipais. Seguiremos pagando o mesmo, por exemplo, pola recollida de lixos, a auga potable, a viñeta do coche, os nichos nos cemiterios ou o uso do servizo de extinción de incendios; e tampouco se cobrará máis diñeiro aos hostaleiros que teñan veladores na vía pública ou aos bancos polos caixeiros na rúa.
E o custo dos principais servizos estatais tamén se conxelará ou, no peor dos casos, rexistrarán ascensos moderados dende este xoves. Todo iso nun contexto no que o IPC se situou nun -1,1% no último mes do ano, segundo o dato adiantado polo Instituto Nacional de Estatística. Estes prezos supoñerán certo alivio para uns petos moi castigados dende o inicio da crise económica.
Todas as miradas estaban postas, fundamentalmente, no sector enerxético. Pero tamén aquí comezaremos o ano cun pequeno respiro. Os usuarios verán como as súas tarifas baixan ou se conxelan. O Goberno decidiu non subir a parte regulada do recibo da luz, o que contribuirá a moderar o custo da electricidade. Tampouco se modificará o prezo da bombona de butano, que se manterá en 17,5 euros no primeiro trimestre do ano.
A tarifa do gas natural, pola súa banda, rexistrará un descenso do 3,3% a partir de xaneiro como consecuencia da conxelación dos custos regulados, coñecida como peaxes, e da caída dos prezos do petróleo. Este último concepto tamén provocará, previsiblemente, que o custo dos carburantes siga caendo. Con respecto ao ano pasado, o litro de gasolina é un 13% máis barato e o gasóleo ten xa abaratado un 14,6%, segundo datos da Unión Europea.
SOBE O CUSTO DO TRANSPORTE
O traxecto da AP-9 ata Vigo seguirá custando 3,65 euros e 5,40 euros ata Santiago. En tren sairá algo máis caro. Sobe un 1,85%
Esta conxelación de prezos non se rexistra, pola contra, no relativo ao transporte. Só se mantén invariable, por primeira vez en cinco anos, o prezo da peaxe da autoestrada AP-9. O traxecto ata Vigo seguirá custando 3,65 euros e 5,40 euros ata Santiago. O percorrido completo entre a cidade olívica e A Coruña manterase en 15,35 euros. Todo iso mentres Fomento estuda rebaixar o prezo aos que circulan en horas de pouca intensidade de tráfico.
RENFE si decidiu subir lixeiramente os seus prezos en 2015. Dende este 1 de xaneiro, viaxar en tren é un 1,85% máis caro. Afectará ao custo do billete dos trens de Cercanías, Media Distancia (tanto convencional como Avant) e Feve. Entre Pontevedra e Vigo, por exemplo, pasará a custar 2,80 euros. As tarifas da AVE e a Longa Distancia, que non dependen do Goberno, senón da política comercial da operadora, manteranse estables.
Tamén subirá de novo o prezo dos taxis, unha vez sexa aprobe definitivamente por parte da Xunta de Galicia e do Pleno municipal. A baixada de bandeira pasará a custar 1,90 e 2,12 euros no servizo diúrno e nocturno respectivamente; mentres que o custo por quilómetro alcanzará os 0,96 e os 1,27 euros e a hora de espera increméntase ata os 17,50 e 19,48 euros, dependendo da hora do día na que se utilice este servizo.
LEVE SUBA DO SALARIO MÍNIMO E AS PENSIÿNS
E que pasa cos nosos ingresos? En canto aos salarios, dependerá do convenio que se asinase en cada caso, aínda que en xeral aumentarán lixeiramente pola entrada en vigor da rebaixa do IRPF. O que si está claro é que aqueles traballadores que cobren o salario mínimo interprofesional gañarán un 0,5% máis. Dende este 1 de xaneiro elevarase a 648,6 euros mensuais. A suba para todos eles apenas supón tres euros ao mes.
Tamén se revalorizarán minimamente as pensións. Se é o caso, un 0,25%. Esta suba será de aplicación ás pensións de incapacidade permanente, xubilación, viuvez, orfandade e en favor de familiares do sistema da Seguridade Social na súa modalidade contributiva.