Mozos titulados: vaian preparando os papeis, arranca un novo plan de prácticas laborais
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra pon en marcha un novo Plan de Práctica Laboral para concellos e centros da Deputación, no que se concederán unhas 250 bolsas, das cales o 80% irá destinada a concellos e o 20% restante á administración provincial. Así o acordou a Xunta de Goberno, que aprobou as bases reguladoras que rexerán a concesión das bolsas, destinadas a titulados universitarios e de ciclos superiores.
Os mozos interesados en acceder a este plan terán que ter obtido a súa titulación con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007, estar inscritos no Servizo Público de Emprego da provincia de Pontevedra e estar empadroado nun concello da provincia con anterioridade ao 1 de xuño de 2014.
Ademais, será preciso non ter experiencia previa na profesión na que van realizar as prácticas.
O prazo para a presentación de solicitudes será do 23 de decembro ao 12 de xaneiro.
As titulacións máis solicitadas son: Turismo, Ciclo Superior de Administración e Finanzas, Dereito, Traballo Social, Ciclo Superior Animación Sociocultural e Turística, Dirección e Xestión Pública, Biblioteconomía e Documentación ou Información e Documentación, Economía, Xornalismo, Enxeñería Técnica de Obras Públicas, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Administración e Dirección de empresas e Educación Social.
Tal e como recollen as bases do programa, as bolsas terán unha duración de seis meses prorrogables por outros seis, de forma que os bolseiros poderán permanecer no centro de traballo que lles corresponda durante un ano.
As bolsas serán de 700 euros no caso dos titulados de ciclo superior e de 800 euros para universitarios.
Relacionadas:
-
Primeira oportunidade laboral durante un ano
Por Oskar Viéitez |
-
Un total de 907 mozos titulados preinscríbense para optar ás 200 bolsas do novo plan de práctica
Por Redacción |
-
Destinan 6,2 millóns a contratar a 1.500 operarios municipais a partir de febreiro
Por Redacción |
-
Novo plan de práctica laboral para 200 titulados
Por Redacción |
-
Preto de 500 bolseiros escollen empresa para traballar durante un ano
Por Oskar Viéitez |
-
Colas de mozos formados para conseguir unha bolsa do Plan de Práctica Laboral da Deputación
Por Redacción |