375 familias marinenses son axudadas por entidades sociais do municipio para poder alimentarse
Por Redacción
Un total de 375 familias recorreron, no que vai de ano, ás entidades sociais sen ánimo de lucro que traballan no ámbito do municipio de Marín para poder alimentarse. Recolleron alimentos en cada unha delas de forma semanal. Así se desprende da análise realizada no seo da reunión que a alcaldesa, María Ramallo, mantivo este martes con representantes destas asociacións.
En todos os casos son familias que acreditaron a súa falta de capacidade económica para cubrir todas as necesidades básicas, a través dun protocolo de control documental. Son atendidas polo programa municipal do Banco de Alimentos, no que participan Amenac, Cáritas Parroquial Marín, Cáritas Santomé, a Asociación Voluntarias da Caridade San Vicente Paúl, SOS-MARIN e Asociación Sor-Elvira.
Salvo o comedor de San Vicente Paúl, que se surte dos excedentes que reparte Cruz Vermella Española, as demais fano do Banco de Alimentos de Pontevedra con sede en Vigo. O Concello de Marín colabora asumindo o custo dos transportes das toneladas de produtos alimenticios que se distribúen durante o ano.
Durante esta reunión, estas asociacións solicitaron un local para poder levar a cabo o seu labor de selección, clasificación e repartición das pezas de roupa e elementos de fogar doados pola cidadanía. Trátase dun traballo que realizan os grupos de persoas voluntarias que, por cada asociación, se ofrecen para tal fin.
Esta proposta quedou pendente dunha sondaxe por parte dos asistentes, xa que entenden que pode supoñer un custo importante, debido á obriga de estar acondicionado, protexido e asegurado.
Ademais, tratouse a posibilidade de facer chegar ás persoas asistentes ao comedor e ás familias con maior necesidade, aqueles produtos de vestiario, hixiene ou material escolar que cada asociación perciba como carentes nas súas familias beneficiarias. Todas elas se comprometeron a comunicar estas necesidades aos servizos sociais para programar a súa adquisición e a súa posterior repartición polas asociacións.
A reunión concluíu coa entrega de cheques-axuda que a Deputación de Pontevedra concedeu a estes colectivos sociais.
Relacionadas:
-
Marín bonifica os recibos de lixo, auga e sumidoiros a 196 familias
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos cubre necesidades ata maio de 2015 coa Gran Recollida Solidaria
Por Redacción |
-
O banco de alimentos de Pontevedra comezará a funcionar a primeiros de decembro
Por Redacción |
-
Cruz Vermella Pontevedra distribúe máis de 281.000 quilos de alimentos entre as familias desfavorecidas da bisbarra
Por Redacción |