Marín bonifica os recibos de lixo, auga e sumidoiros a 196 familias
Por Redacción
Ao longo do ano 2014 un total de 196 familias de Marín beneficiáronse dunha das medidas especiais habilitada polo Goberno local para facilitar que as familias con poucos ingresos do municipio cheguen a final de mes con menos dificultades, consistentes nunha bonificación nas taxas de auga, rede de sumidoiros e lixo.
As bonificacións aplícanse a través do departamento de Servizos Sociais e resultan beneficiarias as familias cuxos ingresos sexan iguais ou inferiores ás contías das pensións mínimas fixadas pola Seguridade Social en cada exercicio económico, segundo informou o Concello.
A medida supón bonificar o 100% do recibo do lixo e rede de sumidoiros (agás o IVE e os cánons) ou eses recibos e ata 30 metros cúbicos consumo de auga. Calquera persoa que cumpra cos requisitos e teña un informe favorable de Servizos Sociais pode solicitar a bonificación en calquera momento e faráselle efectiva durante o resto do ano.
Durante o ano 2013 beneficiáranse desta bonificación 178 familias, isto é, 18 menos que en 2014.