Revisan o estado de todas os sinais marítimos da ría de Pontevedra
Por Redacción
Portos do Estado realizou nos últimos días unha intensa revisión de todos os elementos de sinalización marítima e axudas á navegación da ría de Pontevedra e do propio porto de Marín. Todos eles dependen da Autoridade Portuaria, polo que este traballo foi realizado por persoal propio e supervisado polo xefe de unidade de Inspección da Área de Axudas á Navegación Marítima de Portos do Estado.
A inspección tiña como obxectivo constatar e garantir o bo funcionamento e mantemento deste importante servizo para o tráfico marítimo, así como o cumprimento das directrices e recomendacións técnicas de Asociación Internacional de Axudas á Navegación.
As comprobacións realizáronse tanto dende terra como dende o mar e en condicións nocturnas e diúrnas.
Efectuáronse comprobacións de alcances efectivos das luces en comparación cos nominais asignados e tamén se valorou a influencia da luminosidade de fondo na percepción dos sinais na recalada dende o mar, xa que o gradual aumento en número e intensidade das luces costeiras pode afectar en determinados casos á visibilidade das axudas á navegación.
Ademais se constatou o excelente rendemento das novas lanternas instaladas pola Autoridade Portuaria nas balizas máis importantes da ría, equipadas con LED de alta intensidade e de última xeración.