O narco que apelou á xustiza universal para non ser xulgado en España recoñécese culpable
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Antonio Cruz Vásquez Salazar, o home de orixe colombiana que en xullo apelou sen éxito á xustiza universal para evitar ser xulgado en España por un delito de tráfico de drogas, recoñeceu finalmente ante a Audiencia Provincial de Pontevedra a súa participación nunha organización que presuntamente intentou introducir cocaína a través dos portos de Marín e Lisboa coándoa en colectores de pescada conxelada e latas de piña.
O home sentouse este martes no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia despois de dous intentos frustrados xunto aos outros dous acusados polos mesmos feitos, os veciños de Vigo Severo Garrido Méndez e Alberto Cabezas Rubio. Mentres os outros dous procesados negaron os feitos, el recoñeceunos.
Antonio Cruz Vásquez recoñeceu que os tres eran coñecedores de que no colector procedente de Ecuador con destino a Marín había cocaína e fixeron as xestións para introducilo no porto pontevedrés sen èxito, pois as autoridades de Ecuador aprehenderon o cargamento de 472 quilos de cocaína no medio dun cargamento de pescada conxelada.
Iso acontecía en outubro de 2010 e, segundo a acusación da Fiscalía que asume este presunto narcotraficante, os tres acusados tamén colaboraron para un segundo alixo que localizou en abril de 2011 Policía Xudicial Portuguesa: case 56 quilos de cocaína oculta nun cargamento de 4.410 latas de piña en conserva almacenadas nun colector que chegara ao Porto de Lisboa procedente de Colombia e que ía destinado á empresa que a rede de narcotraficantes xulgada na Audiencia montara en Portugal.
A confesión de Antonio Cruz marcou o inicio do xuízo, que continuará este xoves na Audiencia, e levou aos avogados defensores dos outros dous procesados a pedir ao tribunal que teña en conta que hai contradicións entre a súa declaración actual na que recoñece os feitos e as que realizou previamente na fase de instrución do procedemento xudicial.
Os outros dous acusados, Severo Garrido Méndez e Alberto Cabezas Rubio, pola súa banda, negaron a súa participación nos feitos, polos que a Fiscalía pedía para cada un deles os 11 anos de prisión e o pagamento dunha multa de 1.800.000 euros, se ben transcendeu que Antonio Cruz chegou a un acordo co Ministerio Público polo que a súa pena se vería reducida.
Severo Garrido indicou que el desconocia o contido do colector de droga que unha das sociedades mercantís da presunta rede de narcotraficantes pretendía introducir en España xa segura que el tan só traballaba con Belarmino, un individuo xulgado en Portugal por estes feitos, a facer facturas.
"Yo no sabía lo que habia dentro", asegurou a pesar de que o fiscal, Pablo Varela, lle leu transcricións de conversacións telefónicas nas que presuntamente falaba do contido do colector interceptado en Lisboa.
Alberto Cabezas tamén negou a súa implicación e asegurou que o único ingreso que recibía era unha prestación mensual de 425 euros, de modo que en ocasións facía recados para terceiras persoas a cambio de pequenas cantidades de diñeiro como 20 euros ou a cambio de tomates ou polo.
Ademais de asumir ese papel de recadeiro, asegurou que non recordaba moitos detalles dos que saíron a relucir no xuízo porque pasaron xa catro anos dende a súa detención e dos feitos polos que se lle xulga.
Relacionadas:
-
A Audiencia pontevedresa condena tres narcos por introducir cocaína camuflada en latas de piña
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O fiscal reduce de 11 a 6 anos a petición de cadea para un acusado de traficar cocaína entre piña e pescada
Por Natalia Puga |
-
Dous acusados de traficar con cocaína entre piña e pescada intentan tombar as picadas que os incriminan
Por Natalia Puga |
-
Sinalan por terceira vez o xuízo contra tres narcos acusados de introducir cocaína polo Porto de Marín
Por Redacción |
-
A Fiscalía pide que se investigue a un dos avogados nun xuízo por narcotráfico por obstrucción á Xustiza
Por Oskar Viéitez |
-
O narco que apelou á xustiza universal sentarase no banco da Audiencia o próximo martes
Por Redacción |
-
A Audiencia de Pontevedra nega a xustiza universal a un narco que pretendía librarse de ser xulgado en España
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra afronta o primeiro caso dun narco que apela á xustiza universal para non ser xulgado en España
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |