O PP pide no xulgado recuperar as dedicacións exclusivas que perderon en xullo
Por Natalia Puga
O PP de Pontevedra quere recuperar as dedicacións exclusivas e o persoal de confianza perdidos no Pleno da Corporación do mes de xullo. Para iso, recorreu á vía xudicial. Acaba de saír á luz un recurso presentado polo partido no xulgado o 23 de outubro demandando o cobramento destes salarios municipais.
O recurso, notificado polo Xulgado ao Concello o venres 7 de decembro, solicita a nulidade do acordo do Goberno local do mes de xullo polo que se limitaba de tres a unha as dedicacións exclusivas dos concelleiros do PP e se suprimía o contrato do que dispoñían os 'populares' como persoal do confianza.
O PP perdeu estas dúas dedicacións exclusivas recollidas no acordo de gobernabilidade aprobado cando se constituíu a Corporación en 2011 tras presentar unha moción en contra da concesión dunha nova dedicación exclusiva ao concelleiro do BNG Miguel Filgueira. Naquel mesmo Pleno do 23 de xullo o grupo de Goberno aprobou romper o acordo e anular as dedicacións, deixando tan só unha para o voceiro do Grupo Municipal do PP.
O voceiro do Goberno local, Raimundo González, critica a presentación deste recurso porque "dende o Goberno dixémoslle por activa e por pasiva que estabamos dispostos a chegar a outro acordo sen limitacións previas e sen rencores" e o PP sempre rexeitou negociar de novo. Cualificao de "ocorrencia" por parte do voceiro 'popular', Jacobo Moreira.
En opinión de González, este recurso presentouse "de maneira vergonzante" no xulgado tanto porque "nin se fixo comunicación do mesmo" como porque "se lle ofreceu chegar a acordo". Critica, ademais, que se presentase o 23 de outubro, "xusto dous días despois das eleccións" autonómicas do 21-O e recórdalle a Jacobo Moreira que dixera que "eles non se ían a vender por unhas exclusivas" cando agora "van non só arrastrándose, senón reptando ata o xulgado" para recuperalas.
Moreira: "aquel acuerdo del 23 de julio se adoptó de manera arbitraria e injusta"
Jacobo Moreira defende a presentación do recurso
Jacobo Moreira explicou, en declaracións a PontevedraViva, que este recurso xudicial se pide"la nulidad del acuerdo del Pleno" porque "aquel acuerdo del 23 de julio se adoptó de manera arbitraria e injusta" e se debeu a unha intención do grupo de Goberno BNG-PSOE de "castigarnos retirando dos dedicaciones".
Xustifica que non se dese publicidade ao recurso porque "prefería que el Gobierno se enterara por el juzgado y no por mí" e indica que o presentou o 23 de outubro porque "ellos no atendieron a razones" e "hay concejales del Partido Popular que siguen trabajando y no están cobrando mientras el Gobierno local tiene cada vez más dedicaciones. Yo tengo que defender a mis compañeros".
"Les di un plazo más que prudencial para que rectificaran y luego presenté el recurso. Ahora habrá que esperar a que digan desde el Juzgado si ese acuerdo fue legal", indica Moreira. Ao seu xuízo, o acordo "no se ajusta a la ley, es un acuerdo que no se puede tomar, incumplieron un acuerdo plenario".
Tanto Raimundo González coma Jacobo Moreira indicaron que o PP tampouco está a cobrar a terceira dedicación exclusiva que se mantivo para o voceiro municipal. En setembro os 'populares' levaron a Pleno dividir esa dedicación total en dous parciais e tivo a abstención de cinco concelleiros do propio partido, xerando un cisma dentro das filas 'populares'. Dende entón, ninguén deles cobra do Concello.
Relacionadas:
-
Varapau xudicial ao PP: a Xustiza non lle devolve as tres dedicacións exclusivas
Por Alejandro Espiño |
-
O xulgado pide máis información ao Concello sobre a retirada das dedicacións exclusivas ao PP
Por Alejandro Espiño |
-
Lores sobre Moreira: "Debería deixar de ir ao primo de Zumosol, que ademais non lle dá moito a razón"
Por Diego Espiño |
-
O PP da por zanxada a crise interna en Pontevedra trala xuntanza entre Jacobo Moreira e os edís díscolos
Por Redacción |
-
Cinco edís do PP rompen a disciplina de voto e abstéñense nunha moción presentada polo seu voceiro
Por Alejandro Espiño |