Varapau xudicial ao PP: a Xustiza non lle devolve as tres dedicacións exclusivas
Por Alejandro Espiño
Un varapalo xudicial "tremendo" ao Partido Popular. Así cualifican desde o goberno municipal a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra que desestima o recurso presentado polo seu portavoz, Jacobo Moreira, tralo acordo plenario do 23 de xullo de 2012 polo que se lles retiraron aos concelleiros populares dúas das tres dedicacións exclusivas coas que contaban ata este momento.
O desencontro entre o goberno municipal e o Partido Popular supuxo romper o acordo alcanzando ao comezo da lexislatura. Os populares votaron en contra de adxudicar unha nova dedicación exclusiva ao concelleiro Miguel Filgueira, tal e como estaba recollido en dito pacto e en resposta, BNG e PSdeG-PSOE aprobaron reducir a un único soldo, o de Jacobo Moreira, as dedicacións que gozaba o PP.
Na sentenza, a xuíza conclúe que "non cabe estimar a nulidade do acordo plenario" que solicitaba o Partido Popular ao non apreciar "defectos formais ou de procedemento" como alegaba Jacobo Moreira no seu recurso. Asegura que "sen prexuízo da conflictividade política", non pode considerarse que a decisión de deixar ao PP cunha única dedicación exclusiva "sexa adoptada por mera represalia".
A maxistrada, que recorda que o Concello de Pontevedra ten a facultade de organizarse como considere oportuno, explica ademais que, no seu recurso, Jacobo Moreira "non alega nin xustifica a necesidade" desas dúas dedicacións retiradas e reitera que dito acordo plenario non produciu indefensión ao Partido Popular, non vulnerou ningún dereito fundamental nin se aprecia desviación de poder.
Para o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, esta sentenza supón un "fracaso estrepitoso" de Jacobo Moreira e recorda que a súa decisión de xudicializar a política municipal acabou provocando a "ruptura" do seu propio grupo político, unha crise que se pechou coa saída de tres dos seus concelleiros: José Manuel Guillán, Begoya Laña e Celia Soto. Para o nacionalista "visto o visto había razón internas para romper aquel acordo".
Ante esta decisión dos tribunais cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pero Raimundo González sinalou que "imaxino que non se meterán niso porque non gañan unha". Por iso concluíu recomendándolle a Jacobo Moreira que "case mellor que non remexan máis este asunto", aínda que dubida que o faga porque asegurou que o portavoz popular "é propio de meterse nestes barrizais".
Relacionadas:
-
O TSXG devolve ao PP de Pontevedra as súas dedicacións exclusivas
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Jacobo Moreira recorre a sentenza das dedicacións exclusivas
Por Redacción |
-
Moreira acusa a Lores de "cacique" e de actuar sempre cun "primario deseo de venganza"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello defenderase nos tribunais da demanda do PP polas dedicacións exclusivas
Por Alejandro Espiño |
-
Lores sobre Moreira: "Debería deixar de ir ao primo de Zumosol, que ademais non lle dá moito a razón"
Por Diego Espiño |
-
O PP pide no xulgado recuperar as dedicacións exclusivas que perderon en xullo
Por Natalia Puga |