A Lama pide axuda económica á Xunta para restaurar a vella ponte de Liñares
Por Redacción
A restauración da ponte de Liñares pasa pola colaboración económica da Consellería de Cultura e Educación. O alcalde da Lama, Jorge Canda, dirixiuse á Xunta de Galicia para recuperar esta obra arquitectónica de especial interese, tanto dende o punto de vista arquitectónico como turístico e que compón un dos elementos fundamentais da ruta de sendeirismo "Tralos pasos do Río Xesta".
A actuación solicitada céntrase na conservación e reparación de diversos aspectos que compoñen desta ponte, datada en 1794, xa que o paso do tempo e as inclemencias metereolóxicas danou varios dos seus elementos.
Así mesmo, aproveitaríase a actuación para realizar labores de limpeza nas inmediacións, adecuación do ámbito e sinalización do mesmo para favorecer que os turistas e visitantes poidan comprender mellor a importancia e relevancia que este viaduto tivo na súa época como punto de unión entre as provincias de Ourense e Pontevedra a través do comercio ambulante dos arrieiros.
Esta intervención para a conservación patrimonial dun dos viadutos máis emblemáticos do Camiño Real ou Camiño dos Arrieiros viría a realzar tamén un enclave paisaxístico único, xunto á praia fluvial e a escasos metros da Fervenda dá Freixa ou do Río Xesta, elementos fundamentais da ruta de sendeirismo coñecida como "Tralos pasos do Río Xesta".
Relacionadas:
-
Inversión europea para arranxar a Ponte de Liñares
Por Redacción |
-
A Lama aproba un orzamento de case 1,4 millóns de euros para 2015
Por Redacción |
-
Augas de Galicia realiza unha limpeza na ponte de Campelo
Por Redacción |
-
Xesta (A Lama) presume de muíños coa exposición "A Paisaxe da Auga"
Por Redacción |