Xesta (A Lama) presume de muíños coa exposición "A Paisaxe da Auga"
Por Redacción
O arquitecto Manuel Ángel Bugallo Otero e o equipo multidisciplinar encargado de realizar o estudo dos 18 muíños situados na parroquia de Xesta (A Lama) inauguraron a exposición A paisaxe da auga, onde se mostran os principais resultados dun traballo de campo que lles levou a realizar labores de limpeza, roza, medición e posta en valor destes tradicionais elementos arquitectónicos e etnográficos de Galicia.
A exposición, que se pode visitar no pavillón municipal da Carballeira dos Prados, é segundo Manuel Ángel Bugallo, "unha auténtica homenaxe aos nosos avós, aos nosos antepasados que con escasos medios, pero con sabedoría e experiencia foron moldeando o ámbito dun xeito harmónico ao tempo que daban resposta ás súas necesidades de supervivencia".
Estará aberta ata o 31 de agosto, en horario vespertino de 17 a 20 horas e de martes a domingo para que "calquera persoa desta parroquia ou de calquera outra zona poida vir a coñecer o traballo que fixeron os nosos antepasados e dignificar así o seu esforzo ao tempo que reivindicamos a súa sabedoría". A pesar da falta de medios técnicos para afrontar estes traballos, lograron aproveitar dun xeito sostible e harmónico os recursos dos que dispoñían, como a forza do río ou a disposición do terreo.
A exposición conta con diversos paneis explicativos así como unha mesa mural sobre a que se asinta un completo mapa onde están situados os muíños así como o nome toponímico dos diversos lugares que discorren ao longo do trazado que dispón o curso do río Xesta. A devandita toponimia rescatouse grazas aos propios veciños.
"Os mozos ignoramos moitas cousas, nomes de lugares, oficios, costume, que, por desgracia, cando desaparezan as xeracións máis vellas todo se perderá con eles. Precisamente para que ese importante legado non desapareza fixemos este esforzo que agora comeza a ver a luz", manifestou o coordinador do estudo.
Pola súa banda, o alcalde da Lama felicitou os autores do proxecto e animou a seguir afondando nos seus estudos e na recuperación do importante patrimonio etnográfico co que conta o municipio en xeral e Xesta en particular. Jorge Canda asumiu tamén como propia a petición de Bugallo para buscar que outras administracións colaboren na restauración dalgúns destes muíños, sobre todo aqueles de maior relevancia e importancia dende o punto de vista da súa construción.
Tras un percorrido explicativo polos distintos paneis existentes na exposición, visionar un vídeo sobre o papel dos muíños no desenvolvemento económico e social da Lama e Galicia, os asistentes á inauguración compartiron un aperitivo e mantiveron unha charla distendida cos autores do estudo entre os que figuran o enxeñeiro militar, Juan Carlos Carreiro Costal; o arquitecto, Bernardo Santiago Carballal Vázquez; a historiadora da arte, Tania Galán Gómez, e tres arquitectos máis, Pierre Chauvency, Ignacio Lorente Romero e Pepa Zelada Tomé.