Patrimonio e Concello dan o visto e prace á reconversión do Gran Garaxe nunha tenda Mango
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de la Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra deron o seu visto e prace á reconversión do edificio do Gran Garaxe nunha tenda da marca Mango.
A firma catalá Punto Fa, matriz da cadea de tendas de roupa Mango, interesouse por montar unha gran tenda de moda aproveitando a privilexiada situación do Gran Garaxe, o inmoble número 8 da rúa Benito Corbal.
Segundo informou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, os representantes desta firma presentaron unha documentación previa aos servizos técnicos municipais nos que acredita o "mal estado de conservación" do inmoble e se mostra "disposta a unha rehabilitación integral a partir da demolición completa da cuberta".
Mango quere dedicar o baixo á atención do público e no espazo baixo cuberta situar instalacións de servizo do propio comercio, para o que conta co informe favorable dos técnicos municipais.
O edificio é do ano 1965 e ten unha superficie que rolda os 900 metros cadrados.
Ao tratarse dun edificio catalogado, coa fachada protexida, precisou un informe da consellería de Cultura. Neste sentido, o concelleiro de urbanismo, Antón Louro, adiantou que este informe da Xunta xa chegou e tamén é positivo, aínda que pon algunhas observacións.
Segundo Antón Louro, Patrimonio ordena "manter a pendente actual da cuberta" para preservar a imaxe orixinal da fachada dende a rúa. Polo que non autoriza levantala un metro, tal e como propoñía a promotora para "ubicar adecuadamente las instalaciones".
Ademais esixe que se restaure o portalón de acceso ao Gran Garaxe, pola súa singularidade ao estar encaixado na propia fachada modernista.