María José Fariña, candidata ás primarias do PSOE-Pontevedra, denuncia as dificultades para acceder aos militantes
Por Redacción
María José Fariña Busto é militante desde o ano 2011 no Partido Socialista e agora converteuse na candidata que vai competir con Agustín Fernández nas primarias do PSOE de Pontevedra, unha decisión que adoptou, segundo confesa, a partir do movemento social do 15-M.
Para presentarse a estas primarias, a candidata terá que reunir 63 avais antes do 17 de novembro. Neste sentido, María José Fariña explicou durante a presentación da súa candidatura, as dificultades que se está atopando para poder acceder aos militantes a diferenza do que sucede co seu contrincante, Agustín Fernández. Desde o partido indícaselle que a lei de protección de datos impide que poidan ofrecerlle correos electrónicos e información sobre os afiliados para poder realizar a campaña de captación de avais. Desta forma, Fariña sinala que non ten acceso a todos os militantes indicando que, por exemple, carece de datos sobre os 22 integrantes que se deron de alta no partido durante os últimos meses.
María José Fariña apoiou no seu momento ao grupo de críticos do PSOE pontevedrés liderado por José Manuel Valcárcel, José Manuel Civeira e Jorge Nogueira, un trío do que a candidata afirma que xa conseguiu un apoio para a súa candidatura. Esta arquitecta aposta por un cambio de caras dentro dos principais cargos da agrupación socialista e móstrase partidaria da limitación de mandatos en todos os gobernos.
En relación co papel que está desempeñando o PSOE no goberno local, a candidata sinalou que "a touro pasado" ela non formaría parte do goberno e que mantería acordos concretos co BNG.
Fariña tamén se mostra contraria á actual ubicación de Ence en Lourizán e entende que é necesario estudar alternativas á planta de compostaxe que promoven o Concello e a Deputación de Pontevedra, e ademais alerta da necesidade dun novo plan xeral de ordenación urbana para a cidade.
Relacionadas:
-
Vía libre para Agustín Fernández nas primarias do PSOE: María José Fariña retira a súa candidatura
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández, "un tipo normal e decente", anuncia a súa candidatura ás primarias do PSOE
Por Oskar Viéitez |
-
As primarias para elixir o candidato do PSdeG-PSOE en Pontevedra, o 30 de novembro
Por Redacción |