Agustín Fernández, "un tipo normal e decente", anuncia a súa candidatura ás primarias do PSOE
Por Oskar Viéitez
Agustín Fernández, avogado, concelleiro de Educación e Deportes en Pontevedra e secretario xeral do PSOE local, presentarase ás primarias convocadas polo partido para designar o seu candidato á Alcaldía, segundo el mesmo confirmou este mércores.
Agustín Fernández renunciou a ser o candidato da executiva local, un "privilexio" que o eximiría do requisito de presentar os 63 avais necesarios, en torno ao 20% dos aproximadamente 300 militantes coas cotas ao día. "Todos temos que xogar en igualdade", dixo en referencia á outra aspirante a esta candidatura, María José Fariña Busto, arquitecta de profesión e militante de base do PSdeG.
O concelleiro recoñeceuse como "un tipo normal e decente"
O proceso de recollida de avais estará aberto ata o próximo día 17 de novembro, a proclamación oficial dos candidatos será o día 22 e as votacións serán o domingo 30 de novembro.
O concelleiro recoñeceuse como "un tipo normal e decente", dous valores que destacou como "importantes na política". En canto ao seu proxecto político adiantou que o eixo da súa campaña será "loitar contra a eiva do desemprego", unha cuestión transversal que marcará todas as liñas de actuación.
Neste sentido propón un plan de estímulo económico municipal que garanta o acceso aos servizos públicos e propón traballar polos barrios periféricos da cidade e por un municipio eficiente e sostible.
"Oposición radical a calquera intención de prolongar a presenza dese complexo industrial (ENCE) na ría"
Ademais no seu programa destaca a necesidade de dotar o municipio dun PXOM, dun Porto Seco, un polígono industrial e outro comercial, o deseño do ensanche da cidade e un estudo ordenado dos barrios e do rural.
Tras recordar os seus exitosos preitos fronte a Ence como avogado de Salvemos Pontevedra, Agustín Fernández reiterou a súa postura contraria respecto á permanencia da fábrica de Ence na ría de Pontevedra e sinalou que "nesa postura voume manter cunha oposición radical a calquera intención de prolongar a presenza dese complexo industrial na ría".
Igualmente posicionouse en contra do proxecto do Concello e a Deputación de construír unha planta de compostaxe no municipio.
Relacionadas:
-
Vía libre para Agustín Fernández nas primarias do PSOE: María José Fariña retira a súa candidatura
Por Alejandro Espiño |
-
María José Fariña, candidata ás primarias do PSOE-Pontevedra, denuncia as dificultades para acceder aos militantes
Por Redacción |
-
As primarias para elixir o candidato do PSdeG-PSOE en Pontevedra, o 30 de novembro
Por Redacción |