Roberto Leiro enfróntase a seis anos de cárcere por branquexar o diñeiro que gañou no narcotráfico entre 1995 e 2003
Por Natalia Puga
O coñecido narcotraficante de Vilanova de Arousa Roberto Leiro Santos volverá sentarse no banco dos acusados o próximo mes de xaneiro. Será durante catro días nos que será xulgado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por un delito continuado de branqueo de capitais derivados do tráfico de drogas no que se viron implicados tamén, como homes de palla, sete membros da súa familia e o seu círculo máis íntimo no marco da operación Job.
Roberto Leiro está actualmente en prisión cumprindo condena por un alixo de máis de seis toneladas de cocaína localizado en augas do Atlántico hai xa once anos, en 2003, a bordo do buque 'South Sea'. Por aquela operación foi condenado a trece anos e medio de cárcere e agora enfróntase a seis máis por branqueo, así como ao pagamento dunha multa de 1,8 millóns de euros por un caso que se remonta ao ano 2006 e que é xa a máis antiga das operacións vinculada ao narcotráfico que quedan pendentes de xuízo na provincia.
Ao igual que Leiro Santos, tamén están acusadas dun delito continuado de branqueo de capitais derivados do tráfico de drogas a súa esposa, María Teresa S.C., e a súa filla, Nuria L.S.. A muller enfróntase a seis anos de cárcere e unha multa de 1,7 millóns e a filla a cinco anos de privación de liberdade e unha multa de 240.000 euros.
Dúas cuñadas de Roberto Leiro e tres membros da familia da súa esposa tamén se sentarán no banco como presuntos homes de palla, pero, se é o caso por un delito puntual (e non continuado) de branqueo de capitais derivados do tráfico de drogas. Enfróntanse a penas de catro anos de prisión e ao pagamento de multas que oscilan entre os 35.000 e os 640.000 euros. O montante total das multas solicitadas polo fiscal neste caso suman máis de 5,2 millóns de euros.
O fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, recorda no seu escrito de acusación que o suposto líder veu dedicándose ao longo da súa vida ao tráfico ilícito de estupefacientes, o que motivou que resultase condenado como autor dun delito contra a saúde pública en dúas ocasións pola Audiencia Nacional, a primeira delas en 1997 a catro anos e seis meses de prisión e a segunda en 2010 a 13 anos e medio.
Como consecuencia desta actividade de narcotráfico se enriqueceu e, segundo o fiscal, coa finalidade de ocultar o importante patrimonio obtido entre os anos 1995 e 2003, se concertou co resto dos acusados, todos eles parentes do seu núcleo familiar máis próximo.
Recolle o escrito de acusación que os outros procesados tiñan pleno coñecemento da procedencia dos fondos cos que se realizaban os negocios xurídicos, consentiron en aparentar e simular ser titulares de bens mobles, inmobles e investimentos diversos cuxo auténtico titular era Roberto Leiro. Desta forma, deron entrada no tráfico mercantil lícito a diversas cantidades de activos patrimoniais procedentes do tráfico de drogas e contribuíndo conscientemente coa súa actuación ao encubrimento da orixe ilícita destes fondos.
Relacionadas:
-
O Supremo ratifica a condena por branqueo ao narco Roberto Leiro, pero exculpa á súa cuñada e o marido desta
Por Natalia Puga |
-
Condenan a cinco anos de cárcere por branqueo de capitais ao narco Roberto Leiro e a súa esposa
Por Oskar Viéitez |
-
O narco cambadés Roberto Leiro asegura que nunca gañou diñeiro coa droga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |