Que hai que facer se soan as alarmas da fábrica de Foresa?
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, en colaboración cos concellos de Caldas de Reis e Portas, vai iniciar unha campaña de información sobre o Plan de Emerxencia Exterior (PEE) da empresa de produtos químicos de Foresa, en Caldas de Reis.
A campaña, presentada este martes, pretende transmitir á poboación do entorno da industria os consellos de autoprotección que deben seguir no caso de que se produza un accidente na instalación, que supoña a activación do PEE.
O Plan de Emerxencia Exterior de Foresa Caldas inclúe sesións informativas aos responsables dos colexios e ANPAs dos arredores, centros sanitarios e garderías.
Ademais, tamén se levarán a cabo charlas cos responsables dos colectivos da zona e coa poboación máis próxima ao establecemento. Nestas sesións entregaranse folletos informativos sobre o PEE nos que se recollen as pautas de actuación a seguir.
Está previsto que a campaña remate coa realización dun simulacro de activación do plan antes de fin de ano.