Un atraso de seis anos nun procedemento xudicial leva ao fiscal a rebaixar a súa petición de condena a unha rede de narcos
Por Natalia Puga
Seis anos dilatouse nos xulgados procedemento xudicial aberto polo Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra contra unha rede de supostos narcotraficantes liderada por Secundino Fernández Fernández. 'Dino', ex socio de Laureano Oubiña, na que están procesadas outras seis persoas. Nos últimos días xulgouse na Sección Segunda da Audiencia Provincial e este xoves, ao termo das distintas sesións de xuízo, o fiscal considerou procedente modificar a súa acusación contra os procesados e aplicarlles a todos a circunstancia atenuante analóxica de dilacións indebidas, de tal forma que se verían beneficiados dunha considerable redución da condena imposta en caso de que o tribunal decida condenalos.
O fiscal do caso, Pablo Varela, tivo en conta no caso de Secundino Fernández a circunstancia agravante de reincidencia, pois xa fora condenado pola Audiencia Nacional en 2004 a unha pena de catro anos de prisión por participar xunto a Laureano Oubiña no transporte dun alixo de hachix e recentemente foi de novo condenado pola Audiencia de Pontevedra a cinco anos de prisión por un delito continuado de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, fallo ratificado polo Tribunal Supremo.
No caso doutro dos imputados, Eugenio Viñas, aplícalle a circunstancia atenuante analóxica de confesión, pois cando foi detido colaborou coa investigación facendo achegas relevantes para esta. Ademais, decidiu rebaixar a participación da procesada Alicia Leal Fariña, compañeira sentimental de Dino Fernández, ao considerala cómplice do delito contra a saúde pública que se lle atribúe aos sete acusados, se ben os outros seis serían autores e ela tan só colaboradora.
Na que foi a cuarta sesión do xuízo na Audiencia Provincial, o fiscal explicou que, debido ás posibles discrepancias coas que pode encontrarse o tribunal á hora de fixar a cantidade de droga coa que supostamente traficaron os procesados, formula unha acusación alternativa contra todos eles. Inicialmente considerábaos autores dun delito contra a saúde pública referido a substancias que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia, pero admite que poden aparecer dúbidas sobre a cantidade e esta pode non ser considerada de notoria importancia, de aí que pida ao tribunal que se non considera acreditado que traficasen con tanta droga, condéneos simplemente por un delito contra a saúde pública referido a substancias que causan grave dano á saúde.
Na súa cualificación inicial (a que considera a notoria importancia) reduce a pena que pide aos dous principais acusados, Secundino Fernández e Andrés Chiqueiro Clemente, e pide que en lugar de ser condenados a unha pena de nove anos e o pagamento dunha multa de 300.0000 euros, a pena sexa de sete anos e medio e 138.700 euros de multa. Se o tribunal considera que a cantidade coa que traficaron non foi de notoria importancia, pídelle que lles impoña cinco anos e medio de prisión e multa de 104.025 euros.
Tras a modificación das conclusións do fiscal, Antonio Fuentes Fernández enfróntase a seis anos e seis meses de prisión e unha multa de 138.700 euros na primeira acusación e cinco anos e un día de cárcere e multa de 104.025 euros na cualificación alternativa. Eugenio Viñas Cid e Marcelino Vidal Outeda se enfentan ambos os dous a tres anos e medio de prisión e multas de 75.000 euros o primeiro e 8.000 euros o segundo, pena que non varía a pesar de que o tribunal non teña en conta a notoria importancia que aplica ao resto de procesados.
Alicia Leal Fariña enfróntase á pena menor, tres anos e medio de prisión e 30.000 euros de multa na primeira cualificación e un ano e medio e 15.000 euros de multa na acusación alternativa.
O fiscal considera que Secundino Fernández se viña dedicando á venda de drogas principalmente nas inmediacións da cidade de Pontevedra, pero tamén a outros sitios da xeografía española como Málaga ou Cádiz e no desenvolvemento da súa actividade era cómplice a súa compañeira sentimental Alicia Leal, que o acompañaba nas viaxes que realizaba para entregar a droga.
A Eugenio Viñas o fiscal considérao como a persoa que se encargaba de almacenar a droga de Dino Fernández no seu domicilio e vendela polo miúdo pola súa conta e encargo. Marcelino Vidal vendía substancias estupefacientes que lle proporcionaba o suposto líder da rede a cambio dunha comisión. Andrés Chiqueiro Clemente vendía no sur de España mentres que Antonio Fuentes está considerado un dos clientes.
Relacionadas:
-
20 anos e catro meses de prisión para unha rede de narcos que tardou seis anos en sentarse no banco
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia de Pontevedra xulga por narcotrafico a unha rede liderada por un ex socio de Oubiña
Por Redacción |
-
O Supremo confirma a condena por branqueo de capitais a 'Dino' Fernández, ex socio de Oubiña
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia condena a cinco anos de cárcere a un ex socio de Laureano Oubiña
Por Redacción |