20 anos e catro meses de prisión para unha rede de narcos que tardou seis anos en sentarse no banco
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha condena conxunta de 20 anos e catro meses de prisión a unha rede de narcotraficantes liderada por Secundino Fernández Fernández. 'Dino', ex socio de Laureano Oubiña, que tardou seis anos en sentarse no banco dos acusados. Este atraso no procedemento levou o tribunal a aplicarlles a todos a circunstancia atenuante analóxica de dilacións indebidas, de tal forma que se viron beneficiados dunha redución da condena.
Na causa, que comezou a instruír o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra no ano 2008, estaban procesadas seis persoas, pero só resultaron condenadas cinco delas. O tribunal decidiu absolver á sexta, Alicia L.F. entón compañeira sentimental de 'Dino' Fernández.
As principais penas recaeron sobre Secundino Fernández Fernández e Andrés Chiquero Clemente, aos cales a sentenza impón cinco anos e medio de prisión e o pagamento dunha multa de 104.025 euros. A ambos os dous aplicóuselles a agravante de reincidencia. No caso do suposto líder, xa fora condenado pola Audiencia Nacional en 2004 a unha pena de catro anos de prisión por participar xunto a Laureano Oubiña no transporte dun alixo de haxíx e recentemente pola Audiencia de Pontevedra a cinco anos de prisión por un delito continuado de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, fallo ratificado polo Tribunal Supremo.
No caso doutro dos imputados, Eugenio Viñas, o tribunal ten en conta a circunstancia atenuante analóxica de confesión, pois cando foi detido colaborou coa investigación facendo achegas relevantes para esta. A condena imposta ascende a dous anos e nove meses de prisión e 58.800 euros.
A Antonio Fuentes Fernández impóñenlle catro anos e cinco meses de prisión e unha multa de 69.350 euros e a Marcelino Vidal Outeda, dous anos e dous meses de cadea e 8.000 euros de multa. A este último aplícaselle a circunstancia atenuante simple de drogadicción.
Estas penas son inferiores ás que pedía inicialmente o fiscal e tamén ás que solicitou o representante do Ministerio Público, Pablo Varela, ao termo do xuízo celebrado en outubro na Audiencia.
Secundino Fernández víñase dedicando á venda de drogas principalmente nas inmediacións da cidade de Pontevedra, pero tamén a outros sitios da xeografía española como Málaga ou Cádiz. Eugenio Viñas era a persoa que se encargaba de almacenar a droga de Dino Fernández no seu domicilio e vendela polo miúdo pola súa conta e encargo. Marcelino Vidal vendía substancias estupefacientes que lle proporcionaba o suposto líder da rede a cambio dunha comisión. Andrés Chiqueiro Clemente vendía no sur de España mentres que Antonio Fuentes está considerado un dos clientes.