Presentar unha demanda xudicial no ámbito civil en Pontevedra xa se pode facer sen papel
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Co obxectivo de que no ano 2015 Galicia teña un expediente xudicial electrónico, a Xunta ven de poñer en marcha un mecanismo pioneiro de presentación de todo tipo de escritos xudiciais de forma telemática no que Pontevedra xogará un papel crucial. O sistema, coñecido como Lexnet, está xa preparado nos cinco xulgados de Primeira Instancia (ámbito civil) do partido xudicial da capital e nos vindeiros días probarase co fin de testalo e poder solucionar pequenos problemas e disfuncións. Una vez garantido o seu funcionamento, aplicarase ao resto da comunidade.
Unha ampla representación de autoridades autonómicas e xudiciais presenciou este xoves unha simulación do funcionamento do sistema na Sala Noble da Audiencia Provincial de Pontevedra. No transcurso do acto, o maxistrado da Sección Primeira Manuel Almenar, un dos coordinadores do sistema no partido xudicial pontevedrés, explicou que dende esta semana xa está todo listo para que avogados, procuradores e outros axentes xurídicos presenten os escritos no tribunais de xurisdición civil da capital e está previsto que a vindeira semana poida facerse o mesmo na cidade da Coruña. Poderán presentarse xa tanto demandas novas como outros escritos para incorporar nova documentación a procedementos xa en marcha.
Segundo explicou Amenar, o que se persigue é que "en 2015 el expediente judicial electrónico sea una realidad", de tal maneira que o sistema Lexnet se irá implantando de xeito progresivo noutros partidos xudiciais de Coruña e Pontevedra e tamén, pouco a pouco, en Ourense e Lugo e agárdase que a finais de 2014 e primeiros do ano 2015 xa esté operativo nas sete grandes cidades galegas.
A experiencia piloto realizase no partido xudicial de Pontevedra e nos xulgados de Primeira Instancia porque supón aplicalo nun número de xulgados "idóneo para valorar posibles problemas y disfunciones" e posteriormente "adoptar las medidas necesarias para arreglalos" e que "cuando se aplique a todos, hacerlo de manera impoluta". Ademais por experiencias previas, tense detectado que as medidas que se aplican no partido xudicial funcionan ben.
"No estamos hablando solo de la desaparición del papel, lo que estamos hablando es de un cambio conceptual"
Almenar indicou que a modernización da Xustiza en Galicia pasa por traballar en dúas frontes, a modernización do modelo da oficina xudicial e a implantación das novas tecnoloxías, dous retos nos que traballan a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e que supón falar de máis que de eliminar o papel dos xulgados. "No estamos hablando solo de la desaparición del papel, lo que estamos hablando es de un cambio conceptual entre la administración de Justicia y los ciudadanos", indicou.
Galicia convértese así nunha das primeiras comunidades en activar este novo servizo do sistema Lexnet. Este mesmo mecanismo xa permitía ata agora a Administración de Xustiza remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais e no que levamos de ano, realizáronse preto de dous millóns de notificacións a través de Lexnet, o que sitúa a Galicia no cuarto lugar por volume no ránking das catorce comunidades autónomas usuarias do sistema.
Coa activación desta nova funcionalidade esta mesma semana en Pontevedra, os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha. Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.
Na presentación do sistema tamén estiveron presentes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; a directora da Amtega, Mar Pereira; o presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez; e a secretaria de Goberno do TSXG, Concepción Otero.