Pontevedra será pioneira na presentación de demandas de xeito electrónico
Por Oskar Viéitez
Pontevedra é unha das primeiras provincias españolas en activar un novo servizo que permitirá a presentación de demandas de xeito electrónico ou a incorporación de documentación a un procedemento en marcha por parte de avogados, procuradores e outros axentes xurídicos. Segundo confirmou o conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, esta novidade estará en funcionamento nunha semana.
ÿ unha nova función dentro do sistema Lexnet que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Consellería de Xustiza.
O sistema de comunicacións Lexnet permitía ata agora á Administración remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais. Coa activación desta nova funcionalidade os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha.
Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.
O conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, lembrou que esta iniciativa está enmarcada no Plan Senda que na pasada semana supuxo outros avances coma a entrada en funcionamento da Axenda de Sinalamento de Vistas, que facilita aos cidadáns a consulta online das vistas que se van celebrar nos órganos xudiciais dos concellos que son cabeceira do partido xudicial.
A axenda permite realizar a busca da información en tres sinxelos pasos, selección de datas e lugar, selección do tipo de órgano xudicial e número de órgano xudicial.