418.000 euros para a humanización da rúa Jaime Janer e á pavimentación de 9 camiños rurais en Marín
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, na súa xuntanza deste venres, a concesión de dúas subvencións por un importe total de preto de 418.000 euros ao concello de Marín, para os traballos de humanización da rúa Jaime Janer e para a mellora da pavimentación de nove camiños rurais en varias parroquias do concello.
No que respecta á actuación en Jaime Janer, forma parte dos traballos que o concello, en colaboración coa Administración Provincial, está levando para humanizar e harmonizar o núcleo histórico, dándolle máis protagonismo ao peón.
Neste caso, as obras contarán cun orzamento de 241.997,82 euros e consistirán na reforma integral da rúa, onde se deixará un único carril para a circulación rodada, cunha zona específica para taxis e outra para carga e descarga, situada na marxe dereita da rúa en dirección ao porto.
As beirarrúas serán en pavimento de granito con soleira de formigón, mentres que a calzada contará cunha soleira de formigón con acabado semipulido. Entre o vial de circulación e a beirarrúa colocaranse setos vexetais que protexan o paso do peón. As obras completaranse coa instalación de novo alumeado público, así como das canalizacións de saneamento e abastecemento de auga.
Esta obra dá continuidade á executada na rúa Almuíña, tamén financiada coa Deputación, e pretende crear un espazo urbano harmonizado no contorno da alameda.
ACTUACIÿNS NO RURAL
Ademais da atención ao centro urbano, a Deputación tamén colabora co concello de Marín na mellora da rede viaria rural, para o que nesta ocasión destina 175.866,30 euros á pavimentación de 9 camiños en diferentes parroquias.
As obras afectan aos viais de A Grela-A Bouza, en San Xulián; acceso a Currás desde a Vía Rápida, en O Campo; acceso a Praia do Santo e a Xuncal, en Ardán; Camiño de Aguete e O Barrio, en Seixo; O Fixón e Cancela-Igresario, en San Tomé de Piñeiro; e acceso a Aniñada en Mogor.
En todos os casos se renovará a pavimentación existente e limparanse cunetas e marxes da estrada.
Relacionadas:
-
Arranca a obra de humanización no primeiro tramo da rúa Jaime Janer
Por Redacción |
-
O chapapote chega ao Camiño de Aniñada
Por Redacción |
-
Marín acomete un programa o pavimentado dos camiños do rural
Por Redacción |
-
75.000 euros para mellorar o pavimento e a sinalización de seis rúas do centro de Marín
Por Redacción |
-
Marín mellorará o alumeado público de Jaime Janer grazas a unha subvención do INEGA
Por Redacción |